IESIDE e CUNEF firman un convenio para impulsar o intercambio de alumnos, docentes e coñecementos
- As dúas entidades subscriben un texto de colaboración que servirá para ampliar a oferta formativa de alta especialización en Galicia
- O acordo tamén facilita a realización conxunta de investigacións e estudos, así como a celebración de encontros académicos de temática económica e social
O Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE) e o Colegio Universitario de Estudios Financieros (CUNEF) redobran a súa labor formativa e investigadora tras a firma dun convenio de colaboración. Na rúbrica estiveron presentes o reitor presidente de IESIDE, Miguel Ángel Escotet Álvarez, e o director de CUNEF, Álvaro Cuervo García.
O acordo, cun período inicial de tres anos, busca fortalecer os vínculos entre as dúas entidades. Desta maneira, foméntase activa e axilmente o intercambio de estudantes e profesores, pero tamén o acceso a materiais bibliográficos, investigacións e estudios entre ambas as dúas institucións.
A colaboración entre IESIDE e CUNEF dá un paso máis e pon como obxectivo a realización conxunta de investigacións propias, así como a elaboración de programas docentes de temática financeira e de big data para os próximos meses, seguindo esta fórmula de cooperación. O acordo tamén reserva un espazo á divulgación e promoverase a realización de eventos académicos, conferencias, seminarios e charlas sobre aspectos económicos e sociais relevantes.
Esta firma englóbase dentro do compromiso de IESIDE de chegar a acordos para facilitar os intercambios a todos os niveis con outras institucións universitarias de prestixio. Non en vano, CUNEF conta con máis de 20 anos de experiencia formativa en temas bancarios e financeiros. Apoiada pola Asociación Española de Banca (AEB) e adscrita á Universidad Complutense de Madrid, é considerada unha das entidades de referencia, tanto para profesionais que necesitan adquirir coñecementos diferenciais, como entre os máis novos grazas aos seus tres graos e tres posgraos oficiais.
Arranca o primeiro curso en IESIDE
Durante as vindeiras semanas está previsto que inicien a súa singradura os primeiros programas postos en marcha por IESIDE. Desde a súa presentación o pasado mes de abril, a institución académica traballou intensamente para contar cun catálogo formativo que inclúe o programa oficial de grao en ADE, o mestrado universitario MBA, seis títulos duais Bachelor in Business Administration/ADE coa Dublin Business School e un total de 26 titulacións propias de mestrado, especialista e experto.
IESIDE, que é un proxecto educativo de ABANCA, conta neste curso con tres centros formativos na Coruña, Pontevedra e Vigo, así como unha residencia de estudantes situada en Pontevedra. Desde as súas aulas poténciase a colaboración entre o mundo universitario e empresarial en Galicia, grazas a unha educación baseada na innovación, o uso de elementos tecnolóxicos e a vocación internacional.