Juan Carlos Escotet apadriña á promoción 2016 de Economía da Universidade de Vigo
- O vicepresidente de ABANCA anima aos novos titulados a “exercer a gratitude” e a “facer compatibles o interese propio e o colectivo”
Juan Carlos Escotet Rodríguez actuou como padriño da promoción 2015-2016 do grao en Economía da Universidade de Vigo, cuxos estudantes recibiron as súas distincións académicas no transcurso dun evento que tivo lugar esta tarde no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da institución académica viguesa.
Na súa mensaxe aos novos titulados, o vicepresidente de ABANCA lembrou o momento no que, nun acto similar, recibiu o seu título de economista pola Universidad Católica Andrés Bello de Caracas. “Nese momento eu non imaxinaba que un día tería a honra de apadriñar a unha promoción de economistas”, recoñeceu.
Juan Carlos Escotet Rodríguez instou os estudantes a preguntarse, ao recibir os seus títulos, “que outros factores, ademais da propia vontade, fixeron posible o cumprimento desta alta meta”. “Exercer a gratitude debe ser un proxecto de vida”, sinalou Escotet, animando aos recentemente titulados a “retribuir dalgún modo á Universidade de Vigo nalgún momento do futuro, como un compromiso adquirido a partir deste acto”.
Como guía para iniciar a seguinte etapa das súas vidas, o vicepresidente de ABANCA aludiu ao concepto de responsabilidade. “Ao mundo non lle fan falta profesionais enfocados unicamente nos seus intereses máis egoístas. Pola contra, o que faltan son persoas que non cesen de preguntarse en calquera circunstancia como facer compatibles o interese propio e o colectivo”, afirmou.