Juan Carlos Escotet, novo presidente de ABANCA
- Javier Etcheverría é desde hoxe presidente de honra da entidade financeira galega
- O cambio na presidencia coincide co terceiro aniversario da entidade
- A Xunta Xeral de Accionistas aproba por unanimidade todos os puntos da orde do día
Juan Carlos Escotet Rodríguez foi nomeado hoxe novo presidente de ABANCA tras a renuncia por motivos de idade de Javier Etcheverría, que pasará a ser presidente de honra da entidade financeira galega. O traspaso de poderes produciuse ao finalizar a Xunta Xeral de Accionistas da entidade, que se celebrou esta mañá na sede de Afundación na Coruña. O Consello de Administración aprobará hoxe os cambios propostos.
Durante a súa intervención de despedida, Javier Etcheverría mostrouse moi satisfeito do traballo realizado. “En todos estes anos din o mellor de min co obxectivo de facer das miñas dúas casas, primeiro o Banco Etchverría e máis recentemente ABANCA, dúas entidades valoradas e respectadas pola súa vocación de servizo aos nosos clientes, a Galicia e a España. Hoxe conclúe unha etapa moi gratificante da miña vida e toca deixar paso a outras persoas”, destacou.
Pola súa banda, o novo presidente resaltou a traxectoria profesional e os principios de proximidade ao cliente e de prudencia que caracterizaron sempre ao seu predecesor no cargo. “Javier Etcheverría encarnou á perfección estes ideais. No exercicio das súas funcións actuou sempre coa responsabilidade propia de alguén que foi depositario de 300 anos de tradición bancaria, desde a que achegou a ABANCA, ademais dos xa mencionados, valores que nos son tan propios como a énfase na solidez e a visión a longo prazo”, asegurou.
O cambio na presidencia coincide co terceiro aniversario de ABANCA, período no que a entidade desenvolveu un profundo proceso de transformación e reorientación estréxica e mellorou todos os seus ratios de xestión. “Foron tres anos de gran intensidade nos que, entre outras moitas accións, creamos unha nova cultura corporativa, implantamos un novo modelo de relación cos nosos clientes, potenciamos a nosa dimensión omnicanal e lanzamos un novo concepto de produtos e servizos máis sinxelos e transparentes. Por todo iso o mercado está a recoñecernos como unha entidade innovadora, centrada nas necesidades do cliente, sólida e socialmente responsable”, resaltou Juan Carlos Escotet durante a súa intervención.
Aprobados por unanimidade todos os puntos da orde do día
A Xunta de Accionistas de carácter ordinario, na que estivo presente o 86,84% do capital, aprobou por unanimidade as contas do exercicio 2016 e todos os puntos que conformaban a orde do día.