Juan Carlos Escotet recolle o premio ‘Finanzas para todos’ polo programa educativo Segura-Mente ABANCA
- O presidente e o conselleiro delegado de ABANCA recibiron o premio durante o acto central do Día da Educación Financeira
- O programa de educación financeira de ABANCA e Afundación alcanzou no curso 2020-2021 a cifra récord de 123.170 beneficiarios
- Escolares e persoas maiores, principais destinatarios das actividades programadas para o curso 2021-2022
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, acompañado polo conselleiro delegado, Francisco Botas, recibiu o luns o premio ‘Finanzas para todos’ que entregan o Banco de España e a CNMV no marco do acto central da celebración do Día da Educación Financeira. A gala de entrega puido seguirse en directo a través de Afundación TV.
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, foron recoñecidas con este galardón, na categoría de ‘mellor iniciativa de educación financeira', polo seu programa Segura-Mente ABANCA. Esta proposta educativa forma parte do programa de educación financeira que impulsan o banco e a súa Obra Social e que o curso pasado alcanzou a cifra récord de 123.170 beneficiarios.
Juan Carlos Escotet agradeceu o recoñecemento recibido e sinalou que “representa un gran aliciente para todo o equipo da Obra Social ABANCA para seguir innovando e buscando propostas atractivas que nos permitan chegar con estes contidos aos diferentes colectivos sociais, mellorando así a súa capacitación nun aspecto clave que favorece a igualdade, a liberdade e o futuro das persoas e as familias”.
Programa educación financeira 2021-2022
ABANCA e Afundación tamén deron a coñecer no Día da Educación Financeira o programa de educación financeira que desenvolverán durante o curso escolar 2021-2022. Como en anteriores edicións, será un programa universal e inclusivo que contará con actividades adaptadas ás necesidades de formación en finanzas que presentan os diferentes colectivos sociais en función da etapa da vida na que se atopan, con especial atención aos escolares e ás persoas de idade avanzada.
A programación deseñada para este curso desenvolverase ao redor de catro grandes eixos: aprender a xestionar o diñeiro, aprender a xestionar riscos, alfabetización e saúde financeira, e fomento da cultura emprendedora.
Aprender a xestionar o diñeiro desde a infancia
No primeiro bloque enmárcanse actividades dirixidas a espertar conciencia desde idades temperás acerca da importancia de manexar correctamente as nosas finanzas. Entre elas, o xogo en liña ‘A tola aventura do aforro’ ou o presencial ‘Gran Prix Financeiro’. Tamén se inclúe a participación dos voluntarios e voluntarias do banco e Afundación no programa para estudantes de secundaria impulsado pola AEB e Junior Achievement ‘Tus finanzas, tu futuro’.
Xestión de riscos
No apartado de xestión de riscos destaca a cuarta edición do programa Segura-Mente ABANCA, que este ano se ampliará coa participación de persoas voluntarias do banco e Afundación. Estes profesionais ofrecerán charlas nos centros escolares que o soliciten para reforzar os contidos que se abordan no programa. Tamén forma parte deste bloque o programa de ciberseguridade para escolares no que o ano pasado participaron máis de 3.300 nenos e nenas.
Alfabetización e saúde financeira para escolares, colectivos profesionais e maiores
O terceiro eixo será a alfabetización e saúde financeira, con talleres e conferencias dirixidos a mellorar os coñecementos financeiros de tres colectivos: os escolares; os autónomos e profesionais, especialmente do sector primario, que necesitan recursos e formación para afrontar a saída da crise económica consecuencia da pandemia, e as persoas maiores.
Para este último colectivo deseñáronse actividades dirixidas a mellorar a súa cultura financeira xeral, así como talleres que poidan promover a súa inclusión financeira e darlles apoio para afrontar o proceso de dixitalización. As propostas céntranse en capacitar a estas persoas para o uso da banca móbil e os dispositivos de autoservizo, co fin de que poidan gañar seguridade e autonomía para realizar as operacións financeiras máis habituais e mellorar o control da súa economía persoal e familiar.
A actividade máis destacada para os escolares é a estrea dunha nova obra de teatro de educación financeira, titulada ‘Ciclope’, da que están programadas 26 representacións en diferentes puntos de Galicia, León, Asturias e Estremadura, e dúas en streaming que permitirán que a mensaxe desta montaxe didáctica poida chegar a estudantes de toda a xeografía española.
Cultura emprendedora
O último bloque de actividades ten como finalidade promover a cultura emprendedora nas aulas e nel destaca o programa ‘Empresa familiar nas aulas’, que se desenvolve en colaboración coa Asociación Galega de Empresa Familiar.