Juan Carlos Escotet Rodríguez: “Debemos aproveitar a oportunidade de transformar e fortalecer as empresas apostando pola sostibilidade, o emprego de valor e a dixitalización”
- O presidente de ABANCA expuxo no Círculo de Empresarios de Galicia as actuacións do banco para superar a crise do COVID-19 e impulsar a evolución do modelo económico a través dos Fondos Next Generation UE
- A entidade renovou e ampliou liñas de financiamento a empresas, autónomos e comercios por 7.900 millóns de euros, inxectou créditos ICO por 3.412 millóns de euros, aplicou moratorias por 1.389 millóns, e anticipou prestacións a 449.000 pensionistas e 93.000 traballadores
- O presidente de ABANCA destacou o reto ao que se enfronta Galicia para reforzar o seu atractivo e competitividade se é capaz de captar poboación logo da pandemia
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, interveu hoxe en Vigo no encontro ‘Banca e empresa, aliados para impulsar a recuperación’, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia. O evento, no que tamén estivo presente o conselleiro delegado, Francisco Botas, serviu para poñer de manifesto o papel das entidades financeiras, e en concreto de ABANCA, no proceso de recuperación logo da crise do COVID-19, así como, de cara ao futuro, na transformación da economía a través dos Fondos Next Generation EU.
Na súa intervención ante os preto de 100 empresarios asistentes, Juan Carlos Escotet Rodríguez explicou como o bo perfil financeiro do sector bancario en termos de solvencia, liquidez e morosidade lle permitiu garantir e impulsar o fluxo de crédito e articular mecanismos para preservar o tecido empresarial e o emprego. “A diferenza da crise de 2008, nesta ocasión o sector bancario está sendo clave na recuperación”, destacou.
Como exemplos deste importante esforzo dinamizador, o presidente de ABANCA enumerou os 7.900 millóns de euros aportados pola entidade en renovación automática e ampliación de liñas de empresas, autónomos e comercios. Respecto ao ano anterior, en 2020 o banco incrementou as formalizacións de crédito a empresas nun 34,5% e as formacións de crédito a autónomos nun 28,6% (en ambos casos moi por riba do conxunto do sector, que rexistrou incrementos do 2,5 e o 18,3% para estes conceptos).
ABANCA mostrouse así mesmo moi dinámica na concesión de financiamento con aval do ICO, ferramenta na que, con un importe de 3.412 millóns de euros inxectados a 23.251 empresas, superou o cupo que inicialmente tiña asignado. O presidente de ABANCA insistiu no bo funcionamento do produto e destacou que só unha de cada tres empresas que solicitaran financiamento ICO en ABANCA pediron ampliación.
Outras actuacións destacadas foron a aplicación de moratorias financeiras por importe de 1.389 millóns de euros a 18.109 familias, ou o anticipo de prestacións a 449.000 pensionistas e 93.000 traballadores en situación de desemprego ou ERTE.
Este importante esforzo tivo como principal destino ás empresas e familias galegas. “Estamos convencidos de que con iso contribuímos á maior resiliencia da economía de Galicia en comparación coa media española en termos de emprego e PIB”, indicou o presidente de ABANCA.
Transformación económica
Na súa intervención, o presidente de ABANCA referiuse así mesmo ao papel que as entidades financeiras xogarán nos vindeiros anos. “La colaboración entre banca, administracións públicas e empresas será clave na canalización dos Fondos Next Generation UE como catalizadores da transformación económica”, sinalou. Pola súa contía e foco nos sectores de futuro este programa supón na súa opinión “unha grande oportunidade”.
Juan Carlos Escotet explicou ante os empresarios as claves do proceso de adxudicación de fondos e a resposta que ABANCA ofrece aos solicitantes a través de ferramentas como o área Next Generation ABANCA, a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, as solucións de asesoramento bancario, as solucións financeiras a medida e os anticipos de axudas. “A boa marcha da vacinación, a chegada dos Fondos Next Generation UE e o aforro embalsado permitirán recuperar de maneira rápida a capacidade de consumo previa á pandemia”, indicou.
Juan Carlos Escotet repasou tamén a evolución da actividade comercial en Galicia, para o que utilizou datos do Observatorio ABANCA by IESIDE que poñen de manifesto rexistros superiores á etapa pre-pandemia, aínda que con elevada disparidade sectorial.