Juan Carlos Escotet: “Vivimos un bo momento para a inversión empresarial”
- O presidente de ABANCA repasou o momento económico actual e trasladou o compromiso do banco coas necesidades do mundo da empresa
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, mantivo hoxe en Vigo un encontro con empresarios no que realizou unha análise da situación económica actual e salientou a importancia de aproveitar as oportunidades xurdidas da transformación tecnolóxica, económica e social que o mundo vive nestes momentos. “Vivimos un bo momento para o investimento empresarial grazas ás positivas perspectivas económicas, á aparición de novas oportunidades de investimento e ás favorables condicións de financiamento”, sinalou o presidente de ABANCA
Ante un público formado por 100 empresarios e personalidades, entre as que se atopaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, Escotet destacou a capacidade de xeración de novas oportunidades de negocio por parte de fenómenos como a dixitalización e o aumento da esperanza de vida. Tamén se referiu á transformación que se está producindo no emprego, á necesidade de aproveitar os cambios do escenario geoestratéxico e á conveniencia de fomentar o emprendemento e poñer en valor o rol do empresario.
O presidente de ABANCA repasou así mesmo os elementos fundamentais que constitúen a carta de presentación do banco con sede en Galicia para os clientes empresariais: unha transformación que en tres anos levou á entidade a converterse nun dos bancos españois con mellor perfil financeiro, un sólido nivel de rendibilidade, unha permanente aposta pola especialización empresarial e a innovación tecnolóxica, e un forte compromiso coas necesidades de financiamento das empresas.