‘Lugrís, paredes soñadas’ supera os 25.000 visitantes en tres meses aberta ao público
- Este luns comezan os talleres de verán organizados por ABANCA e Afundación para achegar a obra de Urbano Lugrís aos máis pequenos
- A exposición poderá visitarse na sede de Afundación na Coruña ata o 3 de setembro
Descarga los contenidos anexos
A exposición ‘Lugrís, paredes soñadas’, organizada por ABANCA coincidindo co fin os traballos de restauración do mural ‘Vista da Coruña 1669’, alcanzou os 25.461 visitantes cando acaba de cumprir tres meses aberta ao público na sede de Afundación na Coruña.
O proxecto expositivo e o mural recuperado, que se pode contemplar na entrada á oficina principal de ABANCA na cidade pola rúa Olmos, poderán visitarse ata o 3 de setembro.
A mostra reúne máis dun centenar de obras concibidas por Urbano Lugrís para decorar espazos públicos e privados tan variados como hoteis, recintos relixiosos, fábricas industriais ou institucións culturais, e moitas delas exponse en público por primeira vez tal e como foron ideadas polo artista.
Obradoiros de verán
De acordo co obxectivo de achegar ao maior número de persoas posible o traballo do xenial artista galego, ABANCA e Afundación organizaron para este verán un programa de actividades didácticas dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que completa a programación para escolares desenvolvida durante o curso académico e na que participaron 3.731 alumnos e alumnas.
O primeiro taller do período estival, pensado para pequenos de entre 3 e 7 anos, comeza este luns 3 de xullo e prolongarase ata o xoves 6, en horario de 11.00 a 12.30 horas. Esta mesma actividade repetirase os días 17, 18, 19 e 20 de xullo.
Para os maiores, nenos e nenas de 8 a 12 anos, deseñouse un campamento que se desenvolverá tamén en dúas quendas: o primeiro será os días 10, 11, 12 e 13 de xullo e o segundo os días 24, 26, 27 e 28 de xullo, ambos en horario de 10.00 a 13.00 horas.
As inscricións para participar nestas actividades están aínda abertas e todos os interesados en anotarse ou en ampliar a información poden facelo a través da área Educativa de Afundación, no teléfono 981 185 060, no correo electrónico areaeducativacoruna@afundacion.org ou na recepción da sede de Afundación na Coruña.
Horario
‘Lugrís, paredes soñadas’ e o mural ‘Vista de A Coruña 1669’ poderán visitarse de maneira gratuíta na sede de Afundación da Coruña e a oficina principal de ABANCA na cidade ata o 3 de setembro, en horario de luns a venres de 12.00 a 21.00 horas, os sábados e festivos de 10.00 a 21.00 horas e os domingos de 11.00 a 15.00 horas.