Máis de 200 nenos e nenas de ABANCA ReSuena celebran o Día da Música cun concerto no Palacio da Ópera
- A cita musical, con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento, será o domingo 17 de xuño ás 19.00 horas
- No evento debutarán sobre o escenario o Coro ABANCA ReSuena e a orquestra Mini ReSuena, formada polos alumnos e alumnas de 5 e 6 anos
Os músicos mozos que participan no proxecto ABANCA ReSuena, posto en marcha polo banco e a Orquestra Sinfónica de Galicia co fin de promover os valores positivos asociados á práctica musical, subirán este domingo 17 de xuño, ás 19.00 horas, ao escenario principal do Palacio da Ópera para celebrar cun gran concerto o Día da Música. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforamento.
Os máis de 200 nenos e nenas que integran a orquestra neste momento mostrarán ao público os avances que realizaron neste último ano de estudos e ensaios, tras o éxito cultivado no concerto ofrecido en Nadal ante máis de 1.000 persoas.
O evento musical suporá o debut sobre o escenario para os 34 alumnos e alumnas que compoñen o coro ABANCA ReSuena, creado este ano no marco do programa baixo a dirección de Paula Padín. Tamén será a primeira actuación deste nivel para os 26 estudantes de 5 e 6 anos que forman a orquestra Mini ReSuena, que abrirá o concerto acompañada por toda a formación musical e o Coro de Mans Brancas do Colexio A nosa Señora do Rosario.
Os novos intérpretes esforzáronse durante as últimas semanas nos ensaios de preparación do repertorio que tocarán o domingo baixo a batuta de Diego Zecharies, director artístico e musical de ABANCA ReSuena. O programa inclúe temas populares como Pollitos y Grillito ou Siyahamba; composicións clásicas como Italian Caprice de Tchaickovsky, a Sinfonía nº V de Beethoven ou a Sinfonía nº 9 – Largo de A. Dvořák, xunto con outras obras como Can-Can, a banda sonora da película Piratas do Caribe e Gipsy Oberture, de Merle J. Isaac.
ABANCA ReSuena
ABANCA ReSuena comezou a fraguarse a finais de 2014 e conta co apoio de ABANCA desde os seus inicios. O proxecto arrincou cun núcleo no Centro Cívico de Monte Alto e en decembro de 2015 o banco deulle un impulso definitivo coa doazón de 150 instrumentos musicais que facilitaron a creación dun segundo núcleo no CEIP Alborada de Elviña. Este ano ampliouse o programa coa creación do coro e a orquestra Mini ReSuena, formada polos estudantes de menor idade. Na actualidade participan no programa 258 nenos e nenas e tanto o banco como a Orquestra Sinfónica de Galicia traballan para poder estendelo a outros barrios da cidade.
O compromiso de ABANCA con este proxecto responde á súa visión da música como ferramenta para o estímulo da aprendizaxe que, ademais, axuda a transmitir valores como a dedicación, o esforzo e a procura da excelencia, fundamentais para alcanzar o éxito en calquera faceta da vida.