Máis de 41.000 persoas visitaron a exposición da Colección de Arte ABANCA no Museo Thyssen
A mostra serviu para presentar en Madrid unha selección de obras dos fondos artísticos do banco
A exposición ‘Picasso e o cubismo na Colección de Arte ABANCA’ clausurouse este domingo 13 de decembro no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid cun gran éxito de público. En total 41.000 persoas visitaron a mostra e gozaron dunha selección de obras dos fondos artísticos do banco enmarcadas no ámbito e influencia do cubismo e postcubismo.
A exposición reuniu doce cadros de Picasso, Juan Gris, Braque e outros cinco artistas de máximo nivel que permitiron realizar un repaso pola importancia e influencia deste movemento na historia da arte.
Foi a primeira vez que se expuxo en Madrid unha selección de obras da Colección de Arte ABANCA, composta en total por 1350 obras entre pinturas, esculturas, fotografías, gravados, debuxos e instalacións de 250 artistas tanto españois como internacionais. Trátase dunha das coleccións artísticas de carácter privado máis importante de España e configura un conxunto de grande interese para coñecer a evolución e os movementos que definiron a historia da arte do século XX.
A exposición ‘Picasso e o cubismo’ estivo aberta ao público no museo madrileño dous meses, entre o 15 de outubro e o 13 de decembro, coincidindo coa campaña de lanzamento do banco a nivel nacional.
Máis información sobre a Colección de Arte ABANCA na web: http://coleccion.abanca.com/gl/