Máis de 500 estudantes asisten entusiasmados a un encontro con Gustavo Dudamel promovido por ABANCA
Máis de 500 mozos músicos e estudantes de música acudiron esta mañá ao encontro co director de orquestra Gustavo Dudamel celebrado no Auditorio ABANCA en Santiago de Compostela dentro do programa de actividades da segunda edición de Palabras para Galicia, iniciativa do banco para promover espazos de diálogo e construír un futuro mellor para a nosa mocidade.
Juan Carlos Escotet, presidente de ABANCA, deulles a benvida e manifestou a súa gran satisfacción por poder “ser anfitrión dun encontro que estou seguro vai permanecer na vosa memoria para toda a vida”. “Todos vós tedes algo en común: o voso amor pola música. Unha paixón pola que vos esforzades cada día e á que dedicades interminables horas de estudo e ensaio para alcanzar a excelencia e en ABANCA compartimos convosco esa paixón e esperamos que gocedes ao máximo deste encontro”, trasládolles Escotet, que lles animou a aproveitalo “ao máximo para compartir experiencias, trasladarlle os vosos soños, as vosas aspiracións e pedirlle consello”.
Os mozos músicos e estudantes de música, con idades comprendidas entre os 13 e os 22 anos, compartiron máis dunha hora de conversación con Dudamel sobre o valor da música como elemento de transformación social e como disciplina fundamental para o desenvolvemento da persoa.
O recoñecido director reafirmou a súa crenza de que “a cultura e as artes son probadas vías para a formación de cidadáns comprometidos, empoderándolos ao mesmo tempo en que se fomenta o seu progreso persoal e o seu benestar” e trasladou aos asistentes, que o escoitaban entusiasmados, que o máis importante é a disciplina e, sobre todo, ”gozar do que fan”, xa que “unha orquestra é unha pequena comunidade e hai que buscar a harmonía entre todos os integrantes”.
Dudamel lembrou os seus inicios como estudante de música dentro do programa El Sistema e o afortunado que se sinte de poder desenvolver a súa carreira profesional neste ámbito. Ademais, reivindicou a necesidade de “romper as barreiras da música clásica e superar esa idea de que é elitista”.
O director finalizará a súa visita a Galicia esta noite cun gran concerto na Praza do Obradoiro no que a Orquestra Sinfónica de Galicia e o Orfeón Donostiarra interpretarán, baixo a súa batuta, a Novena de Beethoven.