Máis do 40% dos clientes dixitais de ABANCA xa validan pagos e transaccións co servizo Chave ABANCA
- O innovador servizo Chave ABANCA permite aos clientes de banca móbil confirmar a súa identidade de forma sinxela e segura para autorizar pagos sen necesidade de códigos dun só uso ou SMS
- ABANCA foi a primeira entidade financeira española en implantar a tecnoloxía de chave de acceso na app para axudar a protexer as claves persoais do cliente ante intentos de suplantación

Chave ABANCA permite verificar a identidade do cliente facilmente e de forma segura.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Máis do 40% dos clientes dixitais de ABANCA xa validan os pagos e outras transaccións importantes na súa banca móbil sen utilizar contrasinais grazas ao servizo Chave ABANCA. Este innovador sistema incrementa a seguridade dixital dos clientes ante intentos fraudulentos de suplantación, xa que lle permite verificar a súa identidade facilmente e de forma segura, sen necesidade de comprometer as súas claves persoais de banca a distancia nin de confirmar a través de contrasinais dun só uso por SMS.
Chave ABANCA utiliza a avanzada tecnoloxía criptográfica de chaves de acceso (tamén coñecida como Passkey, en inglés), unha medida de seguridade para a identificación dixital dos usuarios abandeirada polos principais operadores tecnolóxicos. ABANCA foi a primeira entidade financeira española e unha das primeiras de Europa en incorporar este sistema na súa banca móbil para achegar aos clientes un compoñente adicional de seguridade nas súas operacións dixitais. Esta protección extra, unida á rápida activación do servizo na app e á súa facilidade de uso, foron determinantes para conseguir que catro de cada dez usuarios xa utilicen este servizo para verificar os seus pagos e envíos de diñeiro desde a súa banca móbil.
Sistema de verificación privado e configurable
Chave ABANCA está dispoñible na app de banca móbil de ABANCA e pode activarse en menos dun minuto. O usuario pode configurar o servizo como sistema de autenticación para todas as operacións importantes (envíos de diñeiro mediante transferencias, Bizum ou a través de caixeiros; creación de tarxetas virtuais, consulta do CVV da tarxeta…) ou só para momentos puntuais. Unha vez activada, a chave de acceso validará as operacións bancarias de forma sinxela, áxil e segura: o cliente só terá que confirmar a súa identidade mediante a súa pegada dactilar ou recoñecemento facial. O sistema garante a privacidade dos datos biométricos do cliente, xa que estes están gardados no seu teléfono móbil e unicamente el ten acceso aos mesmos.
ABANCA recomenda a todos os seus clientes dixitais a activación deste innovador servizo como alternativa máis rápida e segura que o dobre factor de autenticación mediante códigos únicos. Ao ter a súa chave de acceso almacenada no seu propio teléfono móbil, o usuario pode autenticar as súas credenciais comodamente e en apenas uns segundos, o que incrementa a súa seguridade e proporciónalle unha mellor experiencia de usuario. Do mesmo xeito, evita ter que recorrer á recepción de mensaxes ou códigos para confirmar as súas operacións, o que reduce significativamente o risco de ser vítima de técnicas fraudulentas como o phishing (a través do correo electrónico) ou o_smishing_ (a través de SMS).
Chave ABANCA baséase na tecnoloxía de claves de encriptación, un sólido estándar de autenticación creado polo Consorcio World Wide Web e a Alianza FIDO (Fast IDentity Online), que promoveron e incorporaron algunhas das compañías tecnolóxicas líderes no mundo, como Apple, Google, Microsoft, Samsung, Amazon, Visa e Mastercard, entre outras.