Máis premios nos 'Días Azuis' do comercio galego co apoio de ABANCA
- A edición 2024 desta iniciativa de dinamización das vendas promovida pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia desenvolverase entre o 10 e o 30 de xuño
- O banco colabora coa achega das tarxetas prepago regalo que se sortearán entre os clientes, con 20.000 euros en premios este ano
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o director de Banca Cliente Valor de ABANCA, Enrique Marticorena, presentaron esta mañá en Santiago de Compostela a edición 2024 da campaña 'Días Azuis do comercio galego', que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de xuño.
Trátase dunha nova edición (a número 12) desta coñecida e agardada iniciativa comercial que ten por obxectivo potenciar, fomentar, estimular e impulsar o comercio de proximidade galego, poñendo en valor o seu importante papel económico e social e contribuindo á súa dinamización. A principal novidade desta edición é o incremento do importe total e da cantidade dos premios. Así, entre os clientes que merquen durante as datas da campaña nos establecementos minoristas galegos e rexistren os seus tickets na web www.diasazuis.com, sortearanse un total de 20.000 euros, distribuídos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 tarxetas prepago de 150 euros.
Deste xeito, esta campaña “quere contribuir a fomentar as compras nos establecementos físicos, achegando ó consumidor ás nosas rúas e ás nosas tendas”, sinalou José María Seijas, “co incentivo engadido de poder gañar un dos atractivos premios a sortear e poder volver a mercar no comercio local”. Unha campaña que axuda a consumidores e a comerciantes “nun momento no que o ciclo inflacionista está a repercutir no poder adquisitivo das familias e, como consecuencia, nas vendas no sector”, engadiu.
'Días Azuis do comercio galego' está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que acheg os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Durante o acto de presentación da nova edición da campaña, o director de Banca Cliente Valor de ABANCA, Enrique Marticorena, aplaudiu esta nova iniciativa de dinamización das vendas no pequeno comercio galego e salientou o importante papel que desenvolve este sector económico: “É motor de emprego e potenciador da actividade económica e, ademais, ten un carácter vertebrador a nivel social e fomenta un consumo máis responsable”, subliñou. Do mesmo xeito, remarcou o “apoio estratéxico” que presta a entidade financeira ao tecido comercial de proximidade a través da súa unidade especializada ABANCA Negocios, que pon a disposición do sector “solucións financeiras adaptadas” ás súas necesidades e financiamento para os clientes no mesmo punto de venda.