Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang recollen en Santiago os XXIV Premios San Clemente Rosalía-ABANCA
- As obras gañadoras foron seleccionadas por un xurado formado por estudantes de seis institutos galegos e outros cinco centros educativos de Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal e Rusia.
Os escritores Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang recolleron este mércores no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela os galardóns do XXIV Premio San Clemente Rosalía-ABANCA. Os autores foron recoñecidos polas súas obras ‘O xardineiro dos ingleses’, ‘La uruguaya’ e ‘La vegetariana’, gañadoras nas categorías de lingua galega, lingua castelá e lingua estranxeira, respectivamente.
O certame, organizado polo IES Rosalía de Castro, conta co apoio de ABANCA desde 2016. O director de RSC e Comunicación do banco, Miguel Ángel Escotet, destacou na rolda de prensa que tivo lugar este mércores pola mañá “a satisfacción da entidade por compartir de novo con toda a comunidade educativa estas intensas xornadas”. Tamén trasladou os seus parabéns a todo o equipo do instituto polo magnífico traballo que realizan, especialmente tendo en conta a dificultade de coordinar un galardón destas características que implica a centros de varios países e mobiliza a máis de 1.000 estudantes”.
Nesta edición, formaron parte do xurado alumnos e alumnas do IES Neira Vilas de Oleiros (A Coruña), IES Sánchez Cantón de Pontevedra, IES Xoan Montes de Lugo, IES Otero Pedrayo de Ourense e os centros composteláns IES Antonio Fraguas e IES Rosalía de Castro. Por terceira vez participaron tamén na selección da obra premiada na categoría de lingua castelá estudantes que cursan esta materia en centros educativos de Inglaterra (Hockerill College de Londres), Francia (Saint Français Xavier de Vannes), Alemaña (Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen), Portugal (Escola Secundaria de Santa Comba Dao) e Rusia (Colexio Rosalía de Castro de Moscú).
O presidente da Asociación Cultural Rosalía de Castro e impulsor do premio desde os seus inicios, Ubaldo Rueda, agradeceu durante a súa intervención na rolda de prensa o “compromiso de ABANCA coa cultura, a educación e a mocidade, así como o compromiso ético dos escritores cos seus lectores mozos”.
Os tres autores galardoados, Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang coincidiron en sinalar a emoción que supón para eles recibir este recoñecemento que outorgan estudantes de Bacharelato, un xurado totalmente independente “que ten o corazón puro e non contaminado”, en palabras de Han Kang, a gañadora en categoría de lingua estranxeira. Tamén os tres quixeron destacar o papel que desempeña neste certame o profesorado, “por non subestimar os estudantes e non limitalos á lectura de literatura xuvenil”, segundo indicou o arxentino Pedro Mairal. Marcos Calveiro, recoñecido na categoría de lingua galega, sinalou tamén a relevancia que supón para os tres “sumarse á extensa nómina de gañadores deste premio, amplamente representativa da literatura do noso tempo”.
No acto de entrega que tivo lugar no Auditorio ABANCA os tres autores estiveron acompañados polo alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; a conselleira de Educación, Carmen Pomar; o director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro; o equipo docente do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, promotor do certame, e tamén por un bo número de estudantes que formaron parte do xurado.
Arredor deste evento central organizouse como é habitual un completo programa de actividades pensadas para fomentar a participación dos estudantes, entre as que se inclúe un encontro do alumnado con cada un dos tres autores premiados.