Nace ABANCA Servicios Financieros co obxectivo de crecer en crédito ao consumo en España e Portugal
- A entidade pecha a compra de Popular Servicios Financieros e lanza unha nova marca comercial na que integra a súa división de Consumer Finance
- A compañía, quinta financeira bancaria de consumo en España, crece en 2017 por riba deste dinámico sector
- ABANCA fixa como obxectivo superar os 800 millóns en novo negocio en tres anos
ABANCA pechou a compra de Popular Servicios Financieros (PSF), a antiga financeira ao consumo de Banco Pastor, tras recibir a autorización do Banco de España á operación de compravenda acordada con Banco Popular no mes de maio.
Unha vez concluídos os trámites legais e formalizada a compra do 100% do capital, a entidade financeira galega iniciou o proceso de integración de ABANCA Consumer Finance e PSF, que pasa a chamarse ABANCA Servicios Financieros.
ABANCA Servicios Financieros é a quinta financeira de consumo dependente dun banco en España. É líder neste mercado no financiamento ao consumo mediante tarxetas privativas e mantén máis de 15.000 acordos con comercios e concesionarios en España e Portugal, cunha alta xeración de clientes. A súa carteira de créditos ascende a 193 millóns de euros (dato ao peche de 2016 de PSF). A estas cifras de negocio súmanse a solvencia, capital, tecnoloxía e impulso ao financiamento do automóbil e tarxetas de crédito que achega ABANCA, xunto á súa posición de liderado no noroeste español.
Sede en Galicia e mantemento do emprego
A compañía ten a súa sede en Galicia e conta cun total de 15 oficinas comerciais distribuídas pola xeografía española e Portugal, país no que está previsto aumentar a súa presenza. Operará cun equipo de máis dun centenar de profesionais especializados neste segmento de crédito. O persoal de PSF mantense na compañía e non cambia de sociedade.
ABANCA Servicios Financieros ten a misión de incrementar o negocio de financiamento ao consumo en España e Portugal e situarse como unha das entidades de referencia no sector, nun dos segmentos máis rendibles e con maior crecemento. Con datos agregados, as dúas sociedades que agora se integran rexistraron entre xaneiro e agosto deste ano un crecemento no investimento superior ao 22%, moi por riba da media do conxunto do sector.
O plan de negocio da financeira de ABANCA contempla unha cifra de créditos superior aos 800 millóns de euros no próximos tres anos e o seu posicionamento como financeira ao consumo líder no noroeste español. Para alcanzar estes obxectivos, priorizará os negocios de financiamento ao consumo, automóbil, préstamos persoais e tarxetas de crédito, así como a comercialización de seguros, nunha contorna económica favorable na Península Ibérica.
Plan de integración
O plan de integración da unidade de negocio de ABANCA Consumer en ABANCA Servicios Financieros comezou coa substitución da antiga marca comercial. A nova imaxe, con esquema de deseño e principios corporativos coincidentes con logotipo principal do banco, lucirá desde hoxe en todas as oficinas comerciais e elementos de comunicación. Para as canles online, ABANCA Servicios Financieros preséntase co dominio Abancaserfin.com.
Paralelamente ao cambio de marca, iniciouse a integración dos sistemas informáticos das divisións orixinarias, traballos que se prolongarán ata final de ano. A unión efectiva do negocio completarase, previsiblemente, durante a primavera de 2018 tanto en España como en Portugal.