O ABANCA Ademar visita a exposición ‘Pintura escrita. Arte e Literatura. Colección ABANCA’
- Os integrantes do equipo gozaron das 29 obras da Colección ABANCA que se poden contemplar actualmente no Museo de León
O ABANCA Ademar realizou esta mañá unha visita guiada á exposición ‘Pintura escrita. Arte e Literatura. Colección ABANCA’, que pode contemplarse actualmente no Museo de León. Os xogadores, corpo técnico e xunta directiva do equipo estiveron acompañados nesta xornada extradeportiva polo director territorial de ABANCA en Castela e León, Asturias e Cantabria, Marcos Lamas.
Durante a visita, o persoal do ABANCA Ademar puido gozar desta nova proposta expositiva deseñada especificamente polo banco para León, na que se poden contemplar 29 obras da Colección ABANCA que, na súa maioría, non se mostraron ata o momento na cidade.
A exposición inaugurouse o 21 de marzo e estará aberta ao público ata o próximo 30 de xuño. Trátase do cuarto proxecto expositivo que promove ABANCA na cidade e vén dar continuidade ao ciclo iniciado entre os anos 2016 e 2019 en colaboración coa Junta de Castilla y León e o Concello de León.
Arte e literatura comparten protagonismo nesta última proposta para a que se seleccionaron obras de creadores con gran recoñecemento internacional que, dalgunha maneira, nos remiten ao campo das letras e a literatura. Están representados artistas da talla de André Lhote, Urbano Lugrís, Manuel Viola, Luis Seoane, José Frau ou Carlos Alcolea, xunto con outros máis contemporáneos como Juliâo Sarmento, Antón Lamazares ou Pamen Pereira. As obras expostas compleméntanse con textos de grandes autores da literatura universal, entre os que se atopan algúns dos escritores máis sobresalientes das letras leonesas: Julio Llamazares, Antonio Gamoneda, José María Merino, Luis Mateo Díez o Juan Pedro Aparicio, entre outros.
‘Pintura escrita. Arte e Literatura. Colección ABANCA’ pode visitarse ata o 30 de xuño no Museo de León en horario de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Os domingos está aberta de 10 a 14 horas e os luns permanece pechada.