O Consello de Administración de ABANCA nomea conselleira á financeira portuguesa Ana Barros
- O máximo órgano de Goberno Corporativo de ABANCA reúnese por primeira vez en Portugal e pon de manifesto a importancia estratéxica que o banco outorga ao país nos seus plans de crecemento
- Ana Barros, primeiro integrante portugués e terceira representante feminina do Consello, achega ao banco a súa ampla experiencia no sector financeiro e o seu detallado coñecemento da economía e o mercado portugués
- Asistiron todos os conselleiros, encabezados polo presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas Ratera
O Consello de Administración de ABANCA mantivo unha reunión ordinaria na mañá de hoxe, 26 de xuño, na sede corporativa do banco en Lisboa. O máximo órgano de Goberno Corporativo de ABANCA decidiu nomear como conselleira á financeira portuguesa Ana Barros. Ao Consello, primeiro que se celebra en Portugal, asistiron todos os seus integrantes, encabezados polo presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas. O día anterior, 25 de xuño, ABANCA tamén realizou en Lisboa a reunión do seu Comité de Dirección.
A reunión do Consello de Administración de ABANCA en Lisboa pon de manifesto a importancia estratéxica que o banco outorga a Portugal nos seus plans de crecemento. Tras a integración de Deutsche Bank PCB Portugal, culminada recentemente con total éxito, ABANCA iniciou unha nova etapa no país centrada nos segmentos de private banking e banca de empresas.
Nova conselleira
O papel estratéxico de Portugal para ABANCA tradúcese tamén na incorporación ao seu Consello de Administración da financeira portuguesa Ana Barros. A nova conselleira de ABANCA achegará ao banco a súa ampla experiencia no sector financeiro e o seu detallado coñecemento da economía e o mercado portugués. Ana Barros cursou estudos na Universidade de Porto, London Business School (Corporate Finance Program), CASS Business School (MBA), Harvard Business School (Women on Boards Program) e INSEAD (International Directors Program).
Traballou toda a súa carreira en banca de investimento en Madrid, Nova York e Londres, ademais de en Lisboa. É especialista en mercados e M&A. Ten un enfoque sectorial moi amplo en sectores como infraestruturas, telecom, transporte e química.
ABANCA en Portugal
ABANCA xestiona en Portugal un volume de negocio de 7.363 millóns de euros e lidera o segmento de advisory banking. A entidade conta cunha rede de 70 puntos de venda en 16 dos 20 distritos portugueses, incluíndo os principais centros económicos do país.
A presenza do grupo ABANCA en Portugal, cuxos orixes datan de hai 19 anos, inclúe tamén a propiedade do Grupo Sogevinus, quinta adega por volume de vendas de Portugal e adega de Porto máis antiga do país, e de ABANCA Servicios Financieros, terceira financeira de punto de venda-fogar do mercado portugués.
As actividades corporativas de ABANCA Portugal continuarán esta tarde coa celebración da súa primeira convención para empregados, que reunirá en Lisboa a máis de 500 persoas.