O Coro de Manos Blancas ABANCA Resuena e Carlos Núñez actuarán na conferencia do Nobel da Paz
- ABANCA inaugura coa visita do Nobel Palabras para Galicia 2015
“Educación para unha sociedade sostible: Construíndo alianzas innovadoras” é o título da conferencia que ofrecerá Kailash Satyarthi, Premio Nobel da Paz 2014, no Pazo de Congresos da Coruña o próximo 7 de maio convidado por ABANCA. O acto contará coa actuación especial do Coro de Manos Blancas ABANCA Resuena, os coros da Orquesta Sinfónica de Galicia e Carlos Núñez.
No seu relatorio, que será aberto ao público e gratuíto, o Nobel compartirá a súa experiencia vital contra a utilización de nenas e nenos para traballos que non lles corresponden e a necesidade de avanzar na construción dunha sociedade máis responsable. Tamén remarcará a importancia de escoitar e apoiar os nenos e mozos galegos nos seus proxectos de futuro, xa que serán os líderes de mañá.
Ademais de escoitar as reflexións de Satyarthi, todos os asistentes poderán gozar dunha das primeiras actuacións públicas do Coro de Manos Blancas ABANCA Resuena, da Orquesta Sinfónica de Galicia, que estarán acompañados nesta ocasión polos outros coros da formación musical e o gaiteiro Carlos Núñez.
Resuena é un proxecto social da Orquesta Sinfónica de Galicia que pretende involucrar aos colectivos de nenos e mozos máis vulnerables da comunidade, brindándolles a oportunidade de participar e ser protagonistas dun proxecto inclusivo. Desde o mes de febreiro, ABANCA é o patrocinador principal desta iniciativa que busca ofrecer novas oportunidades á infancia e á mocidade galegas, especialmente a aqueles colectivos máis desfavorecidos, a través da música.
O Coro de Manos Blancas está formado polas nenas e nenos do Colegio de Sordos de Nuestra Señora del Rosario e nel logrouse integrar a nenas e nenos con diferentes problemáticas coma o síndrome de Down, o autismo ou a xordeira.
A conferencia de Kailash Satyarthi será de acceso público e gratuíto e as persoas interesadas poderán dispoñer dun tradutor simultáneo presentado o seu DNI. Para asistir só é necesario confirmar asistencia a través do teléfono do servizo de venda de entradas de Ataquilla (981 900561) e recoller posteriormente a entrada en calquera oficina de ABANCA ou nos despachos de billetes de Afundación. Para acceder ao recinto será necesario presentar a invitación.
Durante a súa estancia en Galicia, o Nobel participará tamén nun encontro con máis de 350 mozos e mozas no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela no que poderá trasladarlles a súa experiencia na loita pola defensa dos nenos e mozos no seu país de orixe e a importancia da educación na sociedade, entre outras cuestións.
Palabras para Galicia
Coa visita institucional do Premio Nobel da Paz 2014 inaugúrase “Palabras para Galicia 2015”, unha iniciativa que acollerá aquelas accións do banco que buscan promover o debate, fomentar o emprendemento e a posta en marcha de proxectos que permitan construír unha sociedade máis xusta e responsable.