O financiamento de ABANCA ás empresas galegas xera un impacto do 11,13% sobre o PIB da comunidade
- Os recursos canalizados polo banco ao tecido produtivo galego supuxeron un impacto de 6.210 millóns en valor engadido bruto en 2015
- En termos de emprego o impacto cífrase en 131.900 persoas, o 11,82% dos postos totais
- A actividade vinculada máis directamente ao funcionamento do banco tradúcese nun impacto do 1,42% do PIB e do 1,43% do emprego de Galicia
- A entidade dispón de 3.030 provedores na comunidade, aos que proporciona unha facturación anual total de 167 millóns de euros
Descarga los contenidos anexos
- Impacto económico da actividade de ABANCA en Galicia Informe elaborado polo Grupo de Análisis y Modelización Económica (GAME) da Universidade de Santiago de Compostela baixo a coordinación de Melchor Fernández.
- Presentación do Informe sobre o Impacto económico da actividade de ABANCA en Galicia Presentación cos principais datos do Informe sobre o impacto económico da actividade de ABANCA en Galicia
O volume de financiamento mantido por ABANCA coas empresas e autónomos galegos a peche de 2015 supón un impacto equivalente ao 11,13% do PIB da comunidade. En termos de emprego, o apoio do banco galego ao tecido produtivo de Galicia a través de financiamento tradúcese nun impacto cuantificable en 131.900 postos de traballo, o 11,82% do total da comunidade.
O estudo que dá lugar a estes resultados foi realizado con datos de 2015 polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), adscrito ao Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela.
Baixo a coordinación do profesor e investigador Melchor Fernández, o traballo ofrece unha estimación do impacto total resultante da actividade do banco sobre a renda e o emprego da comunidade autónoma de Galicia. Para cuantificalo tivéronse en conta dúas vías de influencia de ABANCA sobre a economía galega: en primeiro lugar, a súa actividade corporativa, que engloba as rendas salariais, a contratación de provedores, o mecenado e o pago de impostos; e en segundo, a actividade desenvolvida polas empresas ás que ABANCA proporciona financiamento.
Financiamento a empresas
ABANCA mantiña a peche de 2015 un volume de financiamento ao tecido empresarial galego de 8.035 millóns de euros. A entidade galega proporciona recursos para o desenvolvemento da súa actividade a 85.216 empresas e autónomos da comunidade, que en total empregan a 537.728 persoas. En termos porcentuais, o financiamento concedido por ABANCA chega ao 35% das empresas e autónomos galegos, repercutindo desta maneira sobre o 48% do emprego total da comunidade.
O financiamento concedido polo banco con sede en Galicia tradúcese nun impacto sobre a economía da comunidade, expresado en valor engadido bruto, de 6.210 millóns de euros, un 11,13% do PIB.
En emprego este impacto cífrase en 131.900 postos de traballo, o 11,82% do total xerado polas empresas e autónomos radicados na comunidade.
Actividade corporativa
ABANCA emprega en Galicia de maneira directa a 3.730 persoas, o 81,2% do seu persoal total. Esta cifra supón o 0,4% do emprego afiliado á Seguridade Social en Galicia e o 40% do total xerado polo seu sector financeiro.
Adicionalmente, o banco xera emprego en Galicia a través dos seus 3.030 provedores radicados na comunidade, aos que contrata máis do 80% dos bens e servizos que utiliza para o desenvolvemento da súa actividade. Estas empresas, que dan emprego a 73.593 persoas, reciben de ABANCA unha facturación anual total de 167 millóns de euros.
Outras palancas de creación de emprego son a actividade de Afundación e os programas de mecenado, o efecto do pago de impostos, e o consumo xerado polos traballadores do banco e dos seus provedores na súa contorna máis próxima. En total, estas vías xeran un emprego indirecto e inducido de 12.194 persoas, cifra que sumada ao emprego directo supón un total de 15.924 postos xerados pola actividade corporativa do banco, o 1,43% do total da economía galega.
O impacto económico derivado desta actividade corporativa elévase ao 1,42% do PIB galego.