O Fondo Europeo de Investimento e ABANCA apoian a recuperación das PEMES en España con 220 millóns de euros
- A garantía de até 154 millóns de euros do Fondo Europeo de Investimento (FEI) a ABANCA mobilizará até 220 millóns de euros para apoiar ás PEMES afectadas pola crise da COVID-19 en España
- O acordo está apoiado polo Fondo de Garantía Europeo (EGF) e forma parte dos 540.000 millóns de euros do paquete de rescate da UE aprobados en resposta á pandemia de COVID-19
O Fondo Europeo de Investimento (FEI), que forma parte do Grupo Banco Europeo de Investimentos, e ABANCA alcanzaron un acordo para apoiar o crecemento e desenvolvemento das pequenas e medianas empresas (PEMES) españolas afectadas pola crise económica derivada da COVID-19.
O FEI achegará unha garantía ilimitada de 154 millóns de euros, o que permitirá á entidade bancaria española crear unha carteira de financiamento de 220 millóns de euros para que as PEMES españolas poidan mitigar as consecuencias económicas da pandemia. O acordo está apoiado polo Fondo de Garantía Europeo (FGE), parte dos 540.000 millóns de euros do paquete de rescate da UE aprobados en resposta ao impacto económico da pandemia.
Grazas á garantía do FEI baixo o Fondo de Garantía Europeo, ABANCA ofrecerá un financiamento máis favorable ás PEMES e sociedades de pequena e mediana capitalización naqueles sectores especialmente expostos á pandemia de COVID-19, apoiando a recuperación da súa liquidez e amparando o emprego no país. O FEI asumirá un 70% do risco destes novos préstamos que o banco concederá ás PEMES.
“Estamos encantados de unir forzas con ABANCA para mobilizar até 220 millóns de euros de financiamento para que as pequenas empresas poidan mitigar os efectos negativos da pandemia na economía española. Os empresarios están preocupados polo impacto da COVID-19, a situación de liquidez e a supervivencia das PEMES”, afirmou Alain Godard, conselleiro delegado do FEI. ”O Grupo BEI lanzou o Fondo de Garantía Europeo para superar estas limitacións ao mellorar o acceso das PEMES a condicións favorables de financiamento para mellorar o crecemento, fomentar a innovación e apoiar o emprego en toda Europa”.
“O Fondo de Garantía Europeo está a achegar a liquidez necesaria para que as pequenas e medianas empresas poidan facer fronte á crise económica causada pola COVID-19 e que está a afectar ao 96% das PEMES españolas. Estamos no camiño correcto e, grazas a nosa ampla rede de intermediarios, pretendemos chegar a tantas empresas como sexa posible, tanto en España como en Europa”, manifestou o vicepresidente do BEI, Ricardo Mourinho Félix.
Francisco Botas Ratera, conselleiro delegado de ABANCA, sinalou que “para ABANCA é unha prioridade apoiar ás empresas a compensar os efectos da pandemia e establecer as bases do crecemento futuro da economía. Por ese motivo, fomos moi activos en mobilizar todas as liñas dispoñibles para os nosos clientes empresas, que son desde sempre un sector fundamental e estratéxico para a nosa entidade e para o desenvolvemento económico da nosa sociedade”. “A nosa capacidade para desenvolver este obxectivo está avalada polo sólido posicionamento que temos con pemes e empresas e pola nosa capilaridade”, constatou.
Sobre o Fondo Europeo de Investimentos (FEI)
O Fondo Europeo de Investimentos, cuxa misión principal é apoiar ás pequenas e medianas empresas (PEMES) europeas mediante o acceso a financiamento, forma parte do Banco Europeo de Investimentos. O FEI deseña e desenvolve tanto capital de risco como de crecemento, garantías e instrumentos de microfinanciación especialmente orientados a este segmento de mercado. No seu papel, o FEI comparte os obxectivos da UE en apoio á innovación, a investigación e o desenvolvemento, espírito empresarial, crecemento e emprego.
O Fondo Europeo de Garantía (EGF) foi creado polo Grupo BEI con contribucións de España e outros Estados membros da UE para protexer ás empresas que sofren a crise provocada polo COVID-19. Con case 25.000 millóns de euros en garantías, o EGF permite ao BEI e ao FEI pór rapidamente a disposición das empresas, na súa maioría pemes e midcaps, préstamos, garantías, e bonos de titulización por activos, capital e outros instrumentos financeiros. O EGF forma parte do paquete de medidas de recuperación da Unión Europea, cuxo obxectivo é proporcionar un total de 540.000 millóns de euros para impulsar aquelas partes da economía da UE que se viron máis afectadas.
Sobre ABANCA
ABANCA é a entidade financeira líder no noroeste de España. Conta con 706 oficinas en 11 países de Europa e América, 6.091 empregados, e un volume de negocio de máis de 100.000 millóns de euros. A súa proposta diferencial combina a atención persoal coa operatoria a través de canles dixitais e a distancia. ABANCA basea a súa actividade no coñecemento das necesidades do cliente e nun catálogo de produtos e servizos sinxelos, innovadores e transparentes. A especialización, a internacionalización e a sostibilidade son outros sinais de identidade dunha entidade financeira situada entre as máis solventes do sector en España.