O II Foro ABANCA Responsable aposta pola rendibilidade social nas empresas galegas
- Medio centenar de organizacións participaron nunha xornada de traballo no Pazo de Iñás
- A importancia da responsabilidade individual para impulsar a responsabilidade empresarial é unha das principais conclusións da sesión
ABANCA reuniu hoxe no Pazo de Iñás, na segunda acción que organiza no marco do Foro ABANCA Responsable, a medio centenar de empresas, institucións e terceiro sector co obxectivo de compartir experiencias e coñecer casos de éxito de empresas sociais galegas que fan compatible a rendibilidade social coa sustentabilidade económica.
Na apertura da xornada, a directora de RSC de ABANCA, Tatiana Suárez Cancelo, destacou que o obxectivo de ABANCA é “contribuir a impulsar este modelo de organización polo que apostamos, unha organización preocupada pola rendibilidade social, e tamén promover nas nosas empresas a implantación de iniciativas socialmente responsables que poidan chegar a reportar un beneficio real ao negocio”.
As empresas e institucións que participaron no II Foro ABANCA Responsable tiveron a oportunidade de coñecer en maior profundidade o concepto de empresa social a través de experiencias de éxito de negocios galegos de diferentes tamaños e sectores como Martín Códax, CLESA, Kalandraka, Pazo de Vilane ou Saraiva.
A sesión incluíu tamén unha dinámica de grupo na que os asistentes puideron compartir os seus coñecementos e boas prácticas neste ámbito e un market place que serviu de escaparate para que un grupo de pequenos emprendedores como Granxa do Souto, VermisLAB e Realkiddys presentasen os seus proxectos.
Unha das principais conclusións do encontro é a importancia da responsabilidade individual de cada un de nós para impulsar a responsabilidade empresarial. As organizacións participantes tamén concluíron que aquelas empresas que contribúen a facer do mundo un lugar mellor contribúen a facer o seu negocio máis forte e sostible, garantizando a súa pervivencia e rendibilidade ao longo do tempo.
Foro ABANCA Responsable
O Foro ABANCA Responsable foi creado polo banco en novembro do ano pasado co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas da comunidade. Entre os seus membros atópanse algunhas das empresas, asociacións e institucións máis representativas da economía e o tecido social de Galicia.
A actividade do foro inaugurouse cunha conferencia de Aminetou Mint Ely na que a activista mauritania expuxo o proxecto Petites Bonnes, iniciativa desenvolvida en colaboración con Terra de Homes para combater a explotación laboral doméstica de nenas no seu país.