O IV Foro ABANCA Responsable avoga pola economía circular para fomentar a sustentabilidade empresarial
- Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, abriu a xornada de traballo á que tamén asistiron Eduardo Eraña, conselleiro do banco, e Miguel Ángel Escotet, director xeral de RSC e Comunicación.
- Sogama, Revertia e Agroamb, referentes galegos neste ámbito, compartiron a súa experiencia con 70 empresas, institucións e representantes de terceiro sector.
Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, abriu este venres a cuarta edición do Foro ABANCA Responsable ante 70 empresas, institucións e organizacións do terceiro sector que se reuniron no Pazo de Iñás para profundar no concepto de economía circular e coñecer varios casos de negocio galegos de éxito neste ámbito. A actividade coincide coa celebración da Semana Verde da Unión Europea, o maior evento anual da axenda ambiental de Europa.
Á apertura do encontro, organizado pola Obra Social ABANCA baixo o título ‘Economía circular. Retos, iniciativas e inspiracións’, asistiron tamén Eduardo Eraña, conselleiro do banco, e Miguel Ángel Escotet, director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA.
Na súa intervención, Francisco Botas destacou a vocación práctica deste encontro promovido polo banco co obxectivo de “proporcionar claves que axuden á mellora da xestión da economía circular nas organizacións participantes e tamén inspirar a creación de novas propostas e liñas de negocio de economía circular”.
O conselleiro delegado enmarcou a iniciativa dentro das accións sociais de ABANCA, que son a resposta da entidade “ao convencemento que temos de que o mundo corporativo pode e debe facer compatible a rendibilidade económica coa sustentabilidade”. O banco tamén mantén un firme compromiso co medio ambiente que ten reflexo, segundo indicou Francisco Botas, na xestión integral que realiza dos seus residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Por exemplo, sinalou que a entidade alcanzou unha elevada porcentaxe de reutilización das pantallas e computadores de mesa, cun 50,9% e un 39,4%, respectivamente.
Intensa sesión de traballo
A xornada comezou con tres relatorios que serviron para coñecer a experiencia de tres empresas galegas de referencia neste ámbito, a sociedade pública Sogama, a viguesa Revertia e a lucense Agroamb, que fixeron da xestión e reutilización de residuos o seu modelo de negocio. Tras as charlas desenvolveuse unha dinámica de grupo que permitiu aos participantes profundar nos principios da economía circular, debater sobre as posibilidades de negocio que ofrece e tamén solicitar ideas sobre como incorporar este concepto nas súas propias empresas para avanzar na sustentabilidade ambiental da actividade que desenvolven.
A sesión finalizou cun market place que actuou como escaparate doutros proxectos galegos emerxentes de economía circular, como o programa de recollida e reutilización de roupa da Institución Benéfico Social Padre Rubinos, o proxecto de limpeza e reciclaxe de residuos sólidos do mar que propón a asociación Mar de fábula, o negocio de transformación das redes de pesca en bolsos de Cholita Corme e a plataforma Slow Food Compostela, que traballa para fomentar o consumo sustentable de alimentos producidos en Galicia.
Segundo extráese do encontro, as empresas galegas coinciden en que acoller a economía circular permítenos mirar a un futuro sustentable, intelixente e integrador. Ademais, consideran que as organizacións que aposten por este novo modelo crearán negocios rendibles e novos postos de traballo situándose como axentes innovadores e concienciados co medio ambiente e as persoas, á vez que aforrarán custos e incrementarán beneficios grazas a repensar os seus sistemas de produción e consumo e anticiparanse aos requirimentos legais futuros.
Foro ABANCA Responsable
O Foro ABANCA Responsable é un espazo creado por ABANCA no marco da súa estratexia de responsabilidade social corporativa co obxectivo de contribuír ao fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas galegas.
A iniciativa comezou a andar en novembro de 2016 cunha conferencia da activista social mauritana Aminetou Mint Ely, que presentou o seu proxecto Petites Bonnes. Desde entón, o foro serviu como marco para outras dúas sesións de traballo, unha centrada na rendibilidade social con exemplos de empresas sociais galegas de distintos sectores e tamaños e outra sobre liderado empresarial a través da experiencia do alpinista e comunicador leonés Jesús Calleja.