O presidente e o CEO de ABANCA abordan con empresarios leoneses a súa visión da situación económica actual
- Os máximos executivos da entidade financeira celebraron hoxe unha xornada corporativa en León, na que recoñeceron os logros da dirección territorial do banco
ABANCA celebrou hoxe en León unha xornada corporativa co obxectivo de recoñecer os logros da dirección territorial do banco na provincia e manter reunións con representantes do tecido económico local. A xornada contou coa participación do presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e do conselleiro delegado, Francisco Botas; e incluíu distintas actividades co equipo do banco e con empresarios leoneses. No seu encontro cos empresarios, os máximos executivos de ABANCA abordaron a súa visión da situación económica actual, nos ámbitos global, de España e da Comunidade de Castela e León.
O primeiro punto da axenda foi a visita á oficina principal de ABANCA en León (Praza das Cortes Leonesas, 3), onde mantiveron un encontro co equipo do banco na cidade. A continuación tivo lugar unha reunión cos directores e directoras de oficina de ABANCA en Castela e León, cita que serviu para recoñecer o labor dos mellores equipos da entidade no cumprimento dos seus obxectivos.
Para finalizar, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas reuníronse con empresarios locais para abordar, entre outros asuntos, as perspectivas económicas actuais. Reiteraron o compromiso de ABANCA coas necesidades das empresas, e puxeron á súa disposición a experiencia e o coñecemento especializado dun equipo de 1.000 especialistas de toda a rede española do banco. O sector empresarial supón o 40% do crédito do banco na provincia.
ABANCA xestiona en León un volume de negocio de 2.300 millóns de euros, a través dunha rede comercial formada por 33 oficinas e un equipo de 125 profesionais. O banco ten na provincia máis de 60.000 clientes, tras un crecemento de máis de 4.000 no último ano. No mesmo período, os recursos de clientes creceron un 4,6%.
O investimento crediticio de ABANCA en León é de 710 millóns de euros, tras uns anos de continuo crecemento que supuxo case duplicar cota de mercado na última década. No mercado hipotecario de particulares ten unha firme posición de liderado nos últimos anos.
Outra das prioridades de ABANCA en León é o apoio ao sector primario. A entidade é líder na provincia en cota de mercado de domiciliacións PAC cun relevante crecemento nos últimos exercicios e mantén acordos con algunhas das asociacións sectoriais máis representativas (ASAJA, UCCL, UGAL UPA, Asociación Berciana de Agricultores, comunidades de regantes de Payuelos e da Canle do Páramo, Agropal, UCALE COAG, FERCAM etc.).
En conxunto, o banco ofrece condicións preferentes nos seus produtos e servizos a máis de 90 colectivos (colexios profesionais, asociacións, sindicatos agrarios, congregacións, funcionarios etc.) a través doutros tantos convenios de colaboración.
No ámbito social, ABANCA colabora con algunhas das entidades educativas, deportivas e culturais máis representativas de León, como a Universidad de León, o Club Balonmano ABANCA Ademar, o Foro Internacional del Deporte ABANCA ou o Museo de León. Ademais, o banco promoveu a celebración na provincia de diversas accións de voluntariado así como charlas e talleres de educación financeira nos seus centros educativos.