O Sergas instala en hospitais galegos 180 equipos sanitarios adquiridos por ABANCA
- O material clínico inclúe 39 unidades individuais de coidados intensivos (ventiladores SV), 90 monitores PM10, 22 monitores PM12, 20 desfibriladores D3 e 9 ecógrafos TE7
- Os novos equipos permiten completar as UCIS con todos os elementos necesarios para a atención dos doentes e estarán conectadas á rede do Sergas
- Os equipos doados son parte do equipamento da sanidade galega para esta crise e para posibles futuros rebrotes do virus
- Nas próximas semanas serán instalados outros 334 equipos
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a instalar 180 equipos sanitarios adquiridos por ABANCA nunha compra destinada a reforzar a capacidade dos hospitais galegos fronte á COVID-19. O material clínico inclúe 39 unidades individuais de coidados intensivos (ventiladores SV), 90 monitores PM10, 22 monitores PM12, 20 desfibriladores D3 e 9 ecógrafos TE7. Nas próximas semanas serán instalados outros 334 equipos. En total, ABANCA adquiriu 514 dispositivos sanitarios.
Esta dotación de soporte vital distribuíuse en función das necesidades actuais do Sergas nas áreas sanitarias da Coruña e Cee; Santiago e Barbanza; Vigo; Pontevedra e O Salnés; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ferrol e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O pedido inicial, por importe de 4 millóns de euros, incluía 150 unidades de coidados intensivos. As novas condicións do mercado permiten ampliar o lote adquirido por ABANCA para o Sergas. En total, súmanse 364 dispositivos entre os que se inclúen monitores multiparamétricos, monitores de constantes vitais, desfibriladores e ecógrafos de alta prestación que permiten dotar ás UCI dos hospitais galegos de todo o material necesario para a atención ao paciente.
Equipos adaptados ás necesidades actuais e futuras
Os ventiladores de soporte vital con carro adquiridos por ABANCA son imprescindibles no tratamento de enfermidades especialmente agresivas coa capacidade de respiración dos doentes, como é o caso da COVID-19. Os equipos contribúen a que os pacientes de coidados intensivos poidan respirar pola súa conta ou coa axuda artificial que precisen.
Os ventiladores e o resto do material adquirido por ABANCA pasan a formar parte dos recursos da sanidade pública galega para responder ás necesidades dos pacientes durante esta crise sanitaria e en caso de que haxa rebrotes do virus nos vindeiros meses. A totalidade da compra estará en Galicia antes de finalizar maio.
Contribución de ABANCA fronte á COVID-19
Desde o inicio da situación derivada pola pandemia da COVID-19 e a aplicación do estado de alarma, ABANCA presentou numerosas iniciativas dirixidas a mitigar os efectos derivados, tanto no plano social como no económico. O primeiro paso foi a posta en marcha do denominado “Plan Anticipar” hai máis dun mes, que serviu para mobilizar 7.900 millóns en liñas de liquidez para o tecido empresarial e produtivo. O banco tamén comezou a comercializar o financiamento con aval do Estado a empresas e autónomos, dentro da liña especial do ICO COVID-19 e impulsou unha moratoria financeira en préstamos hipotecarios e persoais para os seus clientes prexudicados polos efectos do coronavirus.
Adicionalmente, nos últimos dous meses adiantou tanto o cobro das pensións da Seguridade Social, como das prestacións por desemprego. Ademais, ABANCA condonou durante tres meses o aluguer ás familias do Fondo Social de Vivenda e participou nun seguro colectivo para os 700.000 profesionais médicos que loitan contra o coronavirus.
No ámbito social, contribuíu con Afundación na doazón de milleiros de máscaras e pantallas faciais a residencias de persoas maiores, mantivo patrocinios a clubs deportivos e impulsou unha iniciativa xunto aos principais clubs de fútbol de Galicia para recadar fondos para loitar contra a COVID-19.