Os clientes de ABANCA poden realizar todas as súas xestións sen acudir á oficina
- A entidade financeira permite formalizar os seus produtos e servizos financeiros máis frecuentes a través da súa banca electrónica e banca móbil
- O novo desenvolvemento incorpora solucións para particulares, autónomos e empresas e inclúe produtos de financiamento como tarxetas, préstamos persoais e hipotecarios e a liña ICO COVID-19
- A firma a través deste canal emprega a app de ABANCA para impulsar o mellor servizo aos cliente e favorecer a máxima seguridade
Descarga los contenidos anexos
ABANCA desenvolveu e implantou nos últimos días distintas solucións tecnolóxicas que permitiron multiplicar o seu catálogo de produtos e servizos contratables sen necesidade de acudir a unha oficina. Estas novas funcionalidades facilitan firmar desde casa contratos a través dos canais do banco e así dar unha resposta ás necesidades actuais. Os clientes poderán deste xeito realizar a distancia practicamente todas as súas xestións co banco, incluída a firma dos produtos que precisen sen ter que acudir a unha oficina.
Entre os produtos que xa se poden formalizar de maneira totalmente remota priorizáronse os relacionados co financiamento. Os clientes, tanto particulares como autónomos e empresas, poderán solicitar, aportar documentación, recibir unha resposta e finalmente formalizar tarxetas de crédito (tanto alta como ampliación de límite), préstamos persoais e ¬préstamos hipotecarios (con novacións, subrogacións e ampliacións). Entre as modalidades dispoñibles atópase a liña COVID-19 activada polo ICO nas últimas semanas. Ademais, poderase solicitar tamén a moratoria financeira.
Terán acceso a outros produtos tamén moi demandados como liñas de crédito (con renovacións, ampliacións e reconducións), liñas de desconto (con renovacións), liñas de avais (liñas, renovacións e avais únicos), leasing (con novacións), cedentes e os seguros de responsabilidade civil ou comercios. De maneira adicional, accederán a outros produtos ou servizos como os seguros de vida, fogar, auto, saúde e accidentes, as tarxetas de débito, a Tarifa Plana de ABANCA Seguros, a apertura dunha conta e tamén a contratación conxunta de conta, tarxetas e banca electrónica.
Un proceso sinxelo e rápido
A firma da contratación ou renovación de produtos a través desta nova vía que habilitou o banco en tempo récord replica a maneira na que se faría persoalmente. Este novo desenvolvemento enmárcase na vocación transformadora de ABANCA e reforza a súa estratexia dixital.
Esta modalidade de firma non presencial permite que o tratamento e as xestións se realicen coa oficina de referencia de cada cliente e así asegurar que cada cliente conta coa solución adecuada ás súas necesidades. O proceso non reviste complexidade para o cliente, que recibe unha mensaxe no seu teléfono móbil, accede á aplicación de ABANCA onde se poderá descargar a documentación contractual e lela e, cando queira, firmar cun clic. Desde o inicio ata a finalización, a tramitación lévase de maneira áxil e totalmente segura.
Este desenvolvemento afonda na liña de traballo que a entidade puxera en marcha para paliar os efectos da pandemia e da aplicación das restricións do estado de alarma. De maneira conxunta, ABANCA protexe os seus empregados e clientes ao evitar desprazamentos para realizar a súa operativa habitual.