Os estudantes internacionais de IESIDE manteñen un encontro coa directora de Turismo de Galicia
- O grupo de 15 estudantes cursa en Galicia o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais de IESIDE
- O programa de estudos que cursan ten por obxectivos estratéxicos o apoio ás empresas galegas e a promoción do sector turístico da comunidade en China
- Nava Castro explicou a importancia de turismo en Galicia, destacou os seus principais recursos e expuxo as claves do Plan Integral de Turismo da comunidade
O grupo de 15 estudantes chineses chegados a Galicia para cursar o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais (DARI) do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) mantiveron esta tarde un encontro na sede de Afundación en Vigo con Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, axencia dependente da Xunta de Galicia.
Os estudantes, primeiro grupo internacional que se incorpora aos programas formativos de IESIDE, proceden da Beijing International Studies University (BISU), onde realizan estudos de Grao de Español. O Diploma Avanzado en Relacións Internacionais que cursan en IESIDE ten como obxectivo principal o apoio ás empresas galegas para a súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües e con formación empresarial. Outro dos seus obxectivos estratéxicos é a promoción do sector turístico galego en China.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o destino turístico Galicia facendo fincapé nos seus principais recursos, como son o Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía, o termalismo, o patrimonio cultural, as grandes cidades ou o turismo rural.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta de Galicia evidenciou a aposta da administración turística galega pola creación e difusión de produtos innovadores, dos cales destacou a recentemente desenvolvida Ruta da Lamprea, os Cruceiros Costeiros, as Rutas dos Viños e da Camelia, a rede de centros BTT ou o programa de trens turísticos, entre outros.
Por outra banda, dado que o público asistente conformábao un grupo de estudantes de turismo, a directora destacou a importancia alcanzada por este sector en Galicia e explicou aos alumnos as principais claves do Plan Integral de Turismo de Galicia que rexe actualmente o desenvolvemento turístico da comunidade.
Educación orientada á empresa
IESIDE naceu en abril deste ano como unha aposta estratéxica de ABANCA en colaboración con Afundación para impulsar a súa actuación no ámbito da educación superior. Con sedes en Vigo, A Coruña e Pontevedra, IESIDE é a primeira institución de educación superior de Galicia orientada á empresa. Conta con 22 profesores a tempo completo, 52 profesores asociados, 4 docentes estranxeiros visitantes e 250 profesores colaboradores. A súa oferta formativa incluirá programas académicos presenciais, online e de tipo híbrido, así como cursos corporativos dirixidos a empresas. O centro ofrecerá un programa de bolsas que beneficiará, de forma progresiva, o 25% dos seus estudantes.
A posta en marcha do Diploma Avanzado en Relacións Internacionais é froito dun convenio de colaboración entre a Escola de Negocios Afundación de IESIDE e a Beijing International Studies University (BISU) para desenvolver programas conxuntos de formación. Ambas as institucións teñen previsto desenvolver programas de posgrao no campo turístico, onde BISU é a universidade de referencia en China.