Os grupos ABANCA ReSuena abren as actividades do Día da Música no Palacio de la Ópera
- É o primeiro concerto que ofrecen desde que se puxo en marcha este proxecto social en colaboración coa Orquesta Sinfónica de Galicia
- Os alumnos e alumnas do programa mostrarán ante o público as habilidades adquiridas ao longo do curso
Tres grupos musicais formados por alumnos e alumnas que no proxecto social ABANCA ReSuena, promovido pola Orquesta Sinfónica de Galicia e ABANCA, ofrecerán o seu primeiro concerto mañá martes 21 de xuño, ás 17.00 horas, no Palacio de la Ópera coincidindo coa celebración do Día da Música. A actuación servirá para abrir o programa de actividades organizado pola orquestra na súa sede oficial para conmemorar esta efeméride.
O proxecto ABANCA ReSuena parte dunha iniciativa conxunta da OSG e ABANCA que busca favorecer o crecemento e o desenvolvemento dos nenos e mozos a través do traballo de grupo e individual, favorecendo a unión entre as diferentes capas da sociedade. O programa baséase no feito de que a práctica musical conxunta permite desenvolver habilidades sociais para relacionarse e poder superar problemas de comportamento, ao tempo que facilita o desenvolvemento das súas aptitudes individuais.
A actividade formativa, de carácter gratuíto, comezou a funcionar no Centro Cívico Municipal de Monte Alto en 2014 e no curso 2015-2016 ABANCA imprimiulle o impulso definitivo coa entrega dun lote de 150 instrumentos musicais que permitiron ampliar as clases a un segundo centro, o CEIP Alborada, en Elviña. O terceiro núcleo do proxecto fórmao desde o inicio o colexio de xordos ‘Nosa Señora do Rosario’.
En total, 185 nenos e nenas de diferentes barrios da Coruña participan na iniciativa e aprenderon a tocar algún instrumento musical e adquiriron coñecementos básicos de solfeo. Outros 15 escolares forman parte do Coro Manos Blancas. Durante este curso impartíronse 4.860 horas de formación, entre as dedicadas ás clases e a outras actividades complementarias de ensaio e concertos informais. Os avances dos alumnos e alumnas poderanse comprobar este martes no Palacio de la Ópera, no que será o seu primeiro concerto oficial.
A aposta de ABANCA por esta iniciativa, que recibiu recentemente o premio Excelentia á cultura, responde a unha visión da música como unha ferramenta única para o estímulo da aprendizaxe dunha maneira lúdica e diferente, que ademais axuda a transmitir valores fundamentais entre os máis pequenos como a dedicación, o traballo duro, a procura da excelencia e a superación artística.