Os voluntarios de ABANCA limpan o Botánico de Montealegre de especies invasoras
- Os participantes conseguiron eliminar boa parte da ‘Acacia dealbata’ (coñecida coloquialmente como mimosa) que invade a zona
- Realizaron accións de limpeza que continuarán ao longo de outubro e novembro en Miño (A Coruña) e Becerreá (Lugo)
O pasado sábado 26 voluntarios de ABANCA e Afundación realizaron unha nova acción ambiental no Parque Botánico de Montealegre, co fin de limpar o espazo de especies exóticas invasoras.
Os participantes dedicaron toda a mañá ás actividades de limpeza e, grazas ao seu duro traballo, conseguiron eliminar boa parte da ‘Acacia dealbata’ (coñecida coloquialmente como mimosa) que invade a zona. Trátase dunha especie que actualmente se atopa amplamente naturalizada en Galicia e que impide a rexeneración da vexetación natural. A súa erradicación é moi difícil e custosa. Durante o proceso contaron coa habitual colaboración dos profesionais do Grupo Naturalista Hábitat.
Unha vez finalizadas as tarefas de limpeza, os encargados do Botánico de Montealegre acompañaron aos voluntarios durante unha ruta interpretativa na que, ademais de identificar diferentes especies vexetais, tiveron a oportunidade de visitar os invernadoiros e outros puntos de interese dentro do parque.
As actividades de limpeza e retirada de especies invasoras continuarán ao longo de outubro e trasladaranse a outros espazos como Miño (A Coruña) e Becerreá (Lugo), onde os voluntarios seguirán colaborando no coidado da nosa contorna natural.