Os voluntarios de ABANCA regresan a Miño para desenvolver novas accións ambientais
- Os participantes construíron charcas e muros de pedra, levaron a cabo unha limpeza de residuos e colaboraron na retirada de especies exóticas invasoras, mellorando as condicións da contorna
- No mes de abril, os voluntarios do banco e Afundación xa estiveron na localidade coruñesa realizando actividades de reforestación
A pasada fin de semana un grupo de 31 voluntarios de ABANCA e Afundación realizaron novas accións de conservación do medio natural en Miño, dentro da campaña de coidado do patrimonio natural que desenvolve o banco.
Os participantes construíron charcas e muros de pedra, axudando así a xerar espazos beneficiosos para a fauna. Ademais, como Miño foi unha das localidades protagonistas das accións de reforestación que o banco desenvolveu a principios deste ano dentro da campaña ‘ Unha nova árbore’, os voluntarios tamén aproveitaron para limpar de residuos o terreo replantado, á vez que levaron a cabo unha retirada de especies exóticas invasoras, mellorando así as condicións da contorna.
Nesta nova expedición, os empregados de ABANCA e Afundación contaron coa habitual colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, cuxos expertos asesoraron e orientaron aos voluntarios. Ademais, o Concello de Miño quixo sumarse á iniciativa e o concelleiro de Medio Ambiente, Agustín Andrés, acompañou aos participantes durante a xornada.
A reforestación, centro das accións de voluntariado en novembro
Ao longo do próximo mes está previsto finalizar a plantación de árbores da campaña ‘ Unha nova árbore’ nalgunhas das zonas máis afectadas pola onda de incendios que se produciu en outubro de 2017. En concreto, os traballos concentraranse na Mezquita (Ourense), Coruxo (Vigo) e As Neves (Pontevedra), onde os voluntarios xa traballaron na primeira fase de reforestación; e outros lugares como Camos (Nigrán) ou Monte Xalo (A Coruña).