Os voluntarios de ABANCA retiran máis de 422 quilos de residuos da praia da Lanzada
- A limpeza do litoral e a reforestación con especies autóctonas son os eixos centrais do programa de voluntariado ambiental do banco para o primeiro trimestre de 2020
Un grupo de 61 voluntarios e voluntarias de ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, desprazáronse o sábado á contorna da praia da Lanzada, no municipio pontevedrés do Grove, para participar nunha nova acción de voluntariado organizada polo banco, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, no marco do seu programa ‘Traballando por la mellora do patrimonio natural’.
Os participantes na xornada de traballo conseguiron retirar 422,5 quilos de residuos do areal, que forma parte do Complexo intermareal Umia-O Grove, declarado Zona Especial de Conservación baixo a Rede Natura 2000.
A gran maioría dos obxectos recollidos durante a acción, 270,5 quilos, foron plásticos e envases, algúns de gran tamaño, como botellas, bidóns e outros recipientes similares, e outros máis pequenos como tapóns ou bastóns de algodón. Tamén se retiraron 49 quilos de restos de artes de pesca e 97 quilos de residuos de materiais variados como madeiras tratadas ou restos metálicos. Os outros quilos de residuos eliminados do areal foron vidros -5,5 quilos- e produtos de papel ou cartón -0,5 quilos-.
A limpeza do litoral é un dos eixos centrais do programa de voluntariado ambiental do banco para o primeiro trimestre do ano, xunto coa plantación de especies autóctonas en contornas naturais de especial interese. Coas accións que organiza neste marco, a entidade quere conseguir un impacto directo en catro Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS): ODS 10 ‘Redución das desigualdades’, ODS 13 ‘Acción polo clima’, ODS 14 ‘Vida submarina’ e ODS 15 ‘Vida de ecosistemas terrestres’.