Pierre Lemaitre, Sara Mesa e Xabier Quiroga recollen os XXII Premios San Clemente Rosalía-ABANCA
O escritor francés Pierre Lemaitre, a madrileña Sara Mesa e o galego Xabier Quiroga, gañadores dos XXII Premios San Clemente Rosalía-ABANCA, recolleron este martes os seus galardóns nun acto celebrado no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela.
‘Irène’ de Pierre Lemaitre, ‘Cicatriz’ de Sara Mesa, e ‘Izan ou dá saca’ de Xabier Quiroga, foron as obras elixidas polo xurado nas categorías de lingua estranxeira, castelá e galega, respectivamente. Nesta edición o tribunal estivo formado por 30 estudantes de bacharelato de once centros escolares de Galicia, Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal, Estados Unidos e Rusia.
O certame promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago, que suma xa máis de dúas décadas de historia, avanza así na súa internacionalización grazas ao acordo de colaboración iniciado con ABANCA en xaneiro de 2016. O banco galego apostou por estes premios como mostra do seu compromiso coa educación e o futuro dos mozos.
Así o confirmou o vicepresidente do banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez, quen destacou durante a súa intervención na rolda de prensa previa ao acto de entrega de galardóns que “para ABANCA é unha prioridade facilitar á mocidade os medios necesarios para que descubran os seus talentos e poidan potencialos como única maneira de garantir o avance da sociedade e un futuro de progreso e benestar para toda a cidadanía”.
Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía de Castro, agradeceu o apoio de ABANCA para consolidar un certame cuxa característica fundamental é “dar o protagonismo ás xeracións máis novas de lectores á vez que fomenta a paixón pola lectura entre o alumnado”.
Por este motivo, os estudantes son o eixo central da axenda de actividades organizada ao redor da entrega de premios, que comezou este mesmo martes pola mañá nas instalacións do centro educativo compostelán. Xabier Quiroga e Sara Mesa mantiveron encontros cos alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro nos que tamén participaron os estudantes e profesores dos outros institutos galegos e internacionais que este ano formaron parte do xurado. Mañá mércores terán a oportunidade de debater e compartir impresións co escritor francés Pierre Lemaitre, nun encontro que porá fin á XXII edición dos Premios San Clemente Rosalía-ABANCA.
Recoñecementos
A Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro aproveitou a cerimonia de entrega dos premios literarios para impor as súas insignias de ouro a determinadas persoas que colaboraron dunha maneira especial coa institución no desenvolvemento das súas actividades. Nesta ocasión foron recoñecidos Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Camilo Nogueira, político e ensaísta; José Lorenzo, avogado, e Ignacio Martínez Mendizábal, científico e premio Príncipe de Asturias polas súas investigacións en Atapuerca.