RESULTADOS 2017. ABANCA gaña 367 millóns, un 10% máis, cunha rendibilidade do 10,3%
- O ratio de capital CET1 sitúase no 15,0%, cunha folgura de 1.863 millóns que permite á entidade afrontar ben situada as oportunidades do sector
- Os ingresos recorrentes incrementan a marxe básica nun 17,6% e impulsan a xeración de beneficio
- O BCE recoñece o bo desempeño de ABANCA rebaixando os seus requirimentos de capital, recoñecemento logrado só por dúas entidades españolas
- A morosidade redúcese un 31,0% interanual e sitúase no 4,7%, 250 puntos básicos por debaixo do sector
- A eficiencia mellora un 13,1%, situándose no 69%
- Gran comportamento dos produtos de valor, cun crecemento do 20,5% nos ingresos por comercialización de fondos, plans e seguros
- A concesión de novo crédito por parte de ABANCA crece a maior ritmo que a media do mercado, especialmente en pemes e consumo
- O investimento social de ABANCA suma máis de 30 millóns de euros desde 2014.
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo en 2017 un resultado neto de 367 millóns de euros, un 10,0% máis que no exercicio anterior. A actividade do banco no pasado ano traduciuse nunha mellora consistente e significativa dos principais indicadores en materia de rendibilidade, calidade do risco, solvencia, liquidez e dinamismo comercial, o que lle permite cumprir os obxectivos estratéxicos que se fixou para o trienio 2014-2017. O avance da entidade no seu modelo de negocio dixital tradúcese nun aumento do 44,1% no número de interaccións dixitais mensuais.
O resultado rexistrado en 2017 apoiouse no pulo dos ingresos recorrentes, cunha marxe básica que creceu un 17,6%, e na redución de activos improdutivos, cuxo peso é só do 2,2% do balance.
Cun elevado nivel de capitalización (cociente CET1 do 15,0% e folgura de 1.863 millóns sobre os requirimentos), ABANCA afronta desde unha posición de solidez as oportunidades que poidan xurdir no sector nos próximos exercicios.
Mellora dos ingresos recorrentes
ABANCA acreditou en 2017 unha sólida capacidade de xeración de rendibilidade. As liñas fundamentais da súa conta de resultados mostran unha evolución positiva.
A marxe de intereses aumenta un 19,8%. O seu crecemento ten a súa orixe fundamental, de acordo co posicionamento estratéxico da entidade, na actividade con clientes minoristas, cuxo aporte é cada vez maior á conta de resultados.
Os ingresos por prestación de servizos avanzan un 11,8%, impulsados pola venda de produtos de valor engadido. Os ingresos por comercialización de fondos, plans e seguros crecen un 20,5%, mentres que os correspondentes a servizos de cobros e pagos fano nun 15,7%.
Como resultado, a marxe básica, que expresa a capacidade da entidade para xerar ingresos recorrentes, mellora un 17,6%.
Estas cifras víronse acompañadas polo positivo avance da eficiencia, cuxo cociente rexistrou unha mellora do 13,1%, e evoluciona compasada coa produtividade: o volume de negocio minorista por empregado sitúase xa en 15,8 millóns de euros.
Os investimentos tecnolóxicos foron claves no logro desta mellora da eficiencia e a produtividade. Nos últimos dous anos a entidade investiu máis de 150 millóns de euros en tecnoloxía.
Crecemento do negocio con clientes
Na base do resultado obtido sitúase o incremento da actividade comercial con clientes: o volume de negocio total quedou situado en 65.531 millóns de euros.
A concesión de crédito segue sendo a principal prioridade de negocio da entidade. Os créditos á clientela situáronse, tras crecer un 7,8% anual, nos 27.571 millóns de euros.
A concesión de novos créditos foi moi dinámica no ano, reflectindo crecementos por encima do sector que permitiron gañar cota de mercado. Así, as hipotecas de primeira vivenda crecen un 17,8%, o crédito ao consumo un 54,0% e o volume de operacións con pemes e autónomos un 75,2%.
Captación de recursos á alza
Na mesma liña de crecemento, a captación de recursos de clientes aumentou un 6,2% e xa alcanza os 36.862 millóns. Os depósitos minoristas crecen un 2,7%, mentres que os produtos de valor adquiren un protagonismo crecente.
Tras rexistrar un forte incremento do 27,6% na súa comercialización, a carteira de fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro alcanza os 6.124 millóns de euros. A nivel nacional, a entidade mellorou as súas cotas de mercado tanto en fondos de investimento (+32 p.b.) como en plans de pensións (+6 p.b.).
A nova produción de seguros xerais, outra das fontes de ingresos complementarios da entidade, rexistrou un incremento do 18,3%, destacando a evolución dos seguros contratados por empresas.
Mellora da calidade do risco
ABANCA suma catorce trimestres consecutivos de redución de activos dubidosos. A taxa de morosidade rexistrou un descenso do 31,0%, quedando situada no 4,7%, 250 puntos básicos por debaixo da media do sector en España.
Se ademais dos créditos dubidosos temos en conta os activos adxudicados, ABANCA sitúase como a segunda entidade española con mellor calidade do activo, cun cociente de tan só o 2,2% do seu activo total.
Así mesmo, a súa taxa de cobertura, do 55,3%, está situada por encima da media do sector.
A maior parte desta mellora conseguiuse a través de xestión orgánica. Adicionalmente, a entidade levou a cabo diferentes operacións de venda de activos improdutivos por importe de 1.900 millóns de euros, que se completaron sen deterioración dos niveis de cobertura con resultado positivo.
Pola súa banda, o custo do risco sitúase no 0,22%, cun descenso do 13,3% interanual pola mellora da calidade do activo. Os saldos dubidosos redúcense un 28,4% ata alcanzar os 1.541 millóns.
Capitalización e liquidez, alicerces da entidade
A entidade presenta un dos niveis de capitalización máis elevados do sector, cun cociente CET1 do 15,0% e 1.863 millóns de exceso de capital sobre os requirimentos.
O Banco Central Europeo reduciu en 0,25 puntos o requirimento específico de capital Pilar 2R que aplica a todas as entidades en función do seu modelo de negocio, xestión do risco, adecuación de capital e perfil de liquidez. Só dúas entidades españolas viron recoñecido o seu desempeño con esta rebaixa.
ABANCA cumpre tamén con amplitude os requisitos de liquidez establecidos polo regulador. O cociente de financiamento neto estable NSFR está situado no 129%, mentres que o cociente de cobertura de liquidez LCR está situado no 229%, en ambos os casos cumprindo as esixencias Basilea III para 2018. A entidade dispón dunha posición de liquidez cifrada en 10.522 millóns de euros entre activos líquidos e capacidade de emisión de cédulas hipotecarias, o que lle permitiría cubrir case o dobre dos seus vencementos de emisións.
ABANCA, cada vez máis dixital
Co obxectivo de adaptarse á transformación que as novas tecnoloxías están a exercer sobre os hábitos de consumo do cliente bancario, ABANCA ten como un dos seus alicerces estratéxicos a dixitalización da súa actividade.
No último ano a entidade lanzou unha nova app de banca móbil que permite ás empresas asinar operacións desde o seu móbil, presentou o servizo Wallet de ABANCA Pay, implantou a identificación facial Face ID para acceder á banca móbil con iPhone X, habilitou a videochamada como procedemento para facerse cliente e incorporou a posibilidade de realizar envíos de diñeiro de móbil a caixeiro a través de voz.
Estes avances no modelo de negocio dixital víronse apoiados cun aumento do 44,1% no número de interaccións dixitais mensuais.
A aposta de ABANCA pola innovación e a tecnoloxía tradúcese non só na ampliación das capacidades da súa plataforma dixital, senón que constitúe un factor fundamental na configuración da súa rede de oficinas. En 2017 ABANCA continuou coa implantación do seu Novo Modelo de Oficina na súa rede comercial e coa renovación do seu parque tecnolóxico (caixeiros, TPVs, Microsoft Surface, etc.). Ata a data ABANCA renovou xa 122 oficinas, cun investimento total de 26 millóns de euros; a esta cifra sumaranse outros 100 millóns para seguir transformando a rede comercial da entidade.
Máis de 30 millóns de euros en investimento social desde 2014
ABANCA aportará 11 millóns de euros a Afundación para o desenvolvemento de programas sociais, educativos e culturais. Grazas a este marco estable de colaboración, o programa de actividades de envellecemento activo, educación e cultura de Afundación beneficiou en 2017 a preto de 1.100.000 galegos. En total, o banco destinou máis de 30 millóns de euros a inversión social desde 2014.
Durante 2017 ABANCA desenvolveu un completo programa de accións en diferentes campos, entre as que destacan o apoio ao emprendemento universitario a través do Campus ABANCA, iniciativas ao redor da educación e a formación, como unha nova edición do Programa de Educación Financeira, que suma 19.000 participantes desde 2015, e o desenvolvemento do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, que formou a 5.347 estudantes e a 2.594 asistentes a outras actividades, ou a divulgación das artes, materializada na restauración do mural de Urbano Lugrís `Vista da Coruña 1669’, a exposición 'Paredes soñadas' e outros catorce eventos expositivos centrados na fotografía e celebrados en diferentes localidades das catro provincias galegas.
Outra liña de traballo destacada é o fomento da música como ferramenta de creación de futuro e educación en valores, con iniciativas como ABANCA ReSuena, con 184 nenos participantes, e Palabras para Galicia, que nesta edición contou coa presenza de Gustavo Dudamel e constituíu un dos eventos culturais do ano en Galicia. O banco tamén prestou especial atención á protección do medio ambiente, unha das prioridades do seu programa de Voluntariado Corporativo, que mobilizou un total de 4.413 horas de colaboración; neste terreo inscríbense tamén as actuacións orientadas a paliar os danos causados polos incendios ocorridos na zona noroeste.
O fomento dos modelos de xestión responsable, obxectivo do Foro ABANCA Responsable, e o apoio a 158 clubs deportivos de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, plasmado no acordo de colaboración coa Fundación Deporte Galego, son outras das actuacións destacadas do ano.
Datos actualizados a 19/04/2018