RESULTADOS 2019. ABANCA gaña 405 millóns, cunha rendibilidade do 10%
- ABANCA mantense como unha das entidades máis rendibles do sistema español nos últimos cinco anos
- Os ingresos recorrentes crecen un 5,8% e mantéñense como principal compoñente da rendibilidade
- O volume de negocio con clientes superou os 85.000 millóns, un 23% máis que o ano anterior
- Integración exitosa de Deutsche Bank PCB Portugal e Banco Caixa Geral mellorando os obxectivos comerciais fixados na adquisición
- A contratación de seguros xerais aumenta un 18,7%, apoiada na comercialización de produtos innovadores e a experiencia de cliente
- A taxa de morosidade sitúase en niveis moi reducidos (2,8%), mentres que a cobertura de activos improdutivos é a máis elevada do sector (58,8%)
- As catro axencias de cualificación que outorgan rating a ABANCA melloraron a súa valoración da entidade durante 2019
- ABANCA é o banco español con maior crecemento en valor de marca de 2019
- A entidade lanza a súa nova política de sostibilidade para impulsar a creación dun novo modelo económico socialmente responsable
Descarga los contenidos anexos
ABANCA pechou o exercicio 2019 cun beneficio neto de 405,0 millóns de euros, un 6,7% máis que en 2018. Este resultado supón unha rendibilidade do 10,0%, que mantén á entidade entre os bancos máis rendibles do sistema financeiro español.
O ano 2019 caracterizouse por un importante aumento do volume de negocio, que xa supera os 85.000 millóns de euros. Este fito alcanzouse grazas á combinación do crecemento orgánico xerado polo dinamismo comercial, especialmente no segmento de financiamento a pemes e autónomos, e a achega de negocio que supuxeron as adquisicións de Deutsche Bank PCB Portugal e Banco Caixa Geral.
Durante 2019 as canles dixitais experimentaron un grande avance tanto en termos de transaccións como de xeración de negocio. ABANCA sitúase no top 3 dos bancos con mellor experiencia dixital segundo o último estudo da firma independente D-Rating.
Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento do seu negocio asegurador, ABANCA levou a cabo dúas grandes operacións que supuxeron a redefinición do seu modelo de cara aos próximos anos. Por unha banda, abordou a internalización do seu negocio de vida e pensións, que pasou a ser xestionado íntegramente dentro do grupo. Doutra banda, subscribiu unha alianza a longo prazo co primeiro bancoasegurador europeo, Crédit Agricole Assurances, para operar no segmento de seguros xerais en España e Portugal.
Ademais, seguiu mellorando a calidade da súa carteira grazas a unha morosidade situada xa por baixo do 3% (2,8%) e unha taxa de cobertura de activos improductivos do 58,8%, que se sitúa como a máis elevada do sector. O elevado nivel de capitalización, que supera amplamente os requirimentos regulatorios, e a súa sa estrutura de financiamento son outros elementos clave que sitúan a ABANCA como unha das entidades máis saneadas do sistema financeiro español, tal e como indica o seu cociente Texas do 33,6%.
O exercicio 2019 é o primeiro no que a fusión inversa entre ABANCA Corporación Bancaria (absorbente) e ABANCA Holding Financeiro (absorbida) toma efecto. Esta fusión inversa mellora a posición de capital do grupo e simplifica a súa estrutura organizativa. En termos comparables, ABANCA obtivo en 2019 un resultado un 6,7% superior ao do ano anterior e mellorou a súa posición de capital en 116 p.b.
Rendibilidade baseada en ingresos recorrentes
O resultado rexistrado por ABANCA en 2019 reflicte a boa evolución do seu negocio con clientes. A marxe de intereses aumentou unhas 2,4% grazas precisamente a esta actividade minorista. A marxe comercial creceu de forma sostida por efecto do dinamismo do negocio e dunha boa xestión de prezos.
Destaca o bo comportamento dos ingresos por prestación de servizos, que avanzan un 16,6% grazas ao impulso daqueles produtos que ofrecen un maior valor para o cliente. Os ingresos por recursos fóra de balance aumentaron un 27,9%, os procedentes de cobros e pagos un 10,5% e os correspondentes a servizos bancarios un 11,8%.
Froito desta boa evolución, ABANCA conseguiu mellorar un 5,8% a súa marxe básica, liña principal na obtención de ingresos recorrentes para a conta de resultados.
A base de custos mantívose estable, a pesar das recentes integracións e do forte investimento en tecnoloxía, cifrado en 91,5 millóns de euros, realizado polo banco para mellorar as súas capacidades tecnolóxicas e de negocio. O custo do risco situouse en 0,24%, por baixo da media do mercado grazas á prudencia aplicada na concesión de financiamento.
Os investimentos tecnolóxicos están a impulsar decididamente o proceso de dixitalización da entidade. No últimos tres anos o número de clientes conectados a banca móbil aumentou un 43% e as interaccións en banca móbil multiplicáronse por máis de dous. A canle dixital avanza como orixe de operacións comerciais e rexistrou nos dous últimos exercicios un crecemento do 43% no número de contratos.
Crecemento do negocio
Cun incremento do 22,9% no ano, ABANCA superou en 2019 os 85.000 millóns de euros de volume de negocio, cun comportamento equilibrado do crédito a clientes, que aumentou un 22,8% até os 35.963 millóns, e da captación de recursos, que o fixo nun 23,7% até os 48.286 millóns de euros. Descontando o efecto das últimas operacións corporativas, a entidade mantén igualmente o seu dinamismo, rexistrando crecementos do 4,2% en crédito normal a clientes e do 6,5% en captación de recursos.
O financiamento ao tecido produtivo seguiu mostrándose como unha das principais prioridades do banco. O crédito a pemes e autónomos formalizado en 2019, cifrado en 2.200 millóns de euros, creceu un 6,6% respecto ao ano anterior.
Este dinamismo permitiu a ABANCA incrementar as súas cotas de mercado tanto en España como en Portugal, reforzando o perfil de ABANCA como banco ibérico.
Crecen os recursos fóra de balance
A estrutura de recursos de clientes, pola súa banda, presenta un peso crecente do fóra de balance, que aumentou un 57,9%, un 11,4% descontando o efecto de Portugal e Banco Caixa Geral. En termos de rendibilidade para o cliente, hai que destacar que 9 de cada 10 fondos comercializados por ABANCA mantivéronse por encima do nivel dos seus competidores.
A nova produción de seguros xerais aumentou un 18,7%. Por ramos, as primas correspondentes a seguros de pagos protexidos aumentaron un 53%, as de seguros de saúde un 36%, as de seguros de empresas un 19% e as de seguros de decesos un 17%. A Tarifa Plana de Seguros, produto estrela do banco no mercado de seguros, rexistrou un crecemento do 15% no número de clientes con máis de 5 pólizas contratadas.
Máis de 425.000 novos clientes incorporáronse a ABANCA en 2019, a metade dos cales o fixeron a través das integracións de Deutsche Bank PCB Portugal e Banco Caixa Geral España. Outros indicadores de actividade que tamén creceron de forma significativa son o número de tarxetas de débito e crédito (+19,3%) e de terminais punto de venda (+20,5%).
Continuidade na mellora da calidade da carteira
A entidade rexistrou en 2019 un novo descenso no seu nivel de saldos morosos cifrado no 5,6% no conxunto da entidade, situando así a taxa de morosidade nun 2,8%, un 33% por baixo da media española.
ABANCA é a primeira entidade por cobertura de activos improdutivos, cunha taxa de cobertura total do 58,8%. A taxa de cobertura da morosidade está situada no 57,5%, mentres que a cobertura de adxudicados é do 60,4%.
A acción combinada de ambos os factores, a redución de activos improductivos, por unha banda, unida aos elevados niveis de cobertura e capital, pola outra, sitúan a ABANCA como a entidade con mellor cociente Texas do sistema (33,6%). ABANCA é unha das entidades máis saneadas do sector financeiro español.
Liquidez e capitalización
A entidade mantén unha estrutura de financiamento baseada en depósitos minoristas, cun cociente de créditos sobre depósitos (LTD) do 96,3%. A entidade dispón dunha liquidez de 14.590 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, o que lle permite cubrir máis do dobre dos vencementos previstos de emisións. Por outra banda, os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR situáronse, respectivamente, no 127% e o 217%, cumprindo desta forma cos requisitos regulatorios de Basilea III.
ABANCA dispón dun elevado nivel de capitalización, con 1.267 millóns de superávit sobre os requirimentos en termos de CET1. O cociente de capital total situouse a peche de 2019 no 15,8%, cun exceso de 353 p.b. sobre os requisitos. O cociente de capital de máxima calidade, CET1, situouse no 12,9%, cun exceso de 411 p.b sobre requirimentos. Tras a recente emisión de outubro 2019, ABANCA xa cubriu o colchón de débeda subordinada clasificada como Tier 2 (2% s/ APR) requirido.
Banco español con maior crecemento de valor de marca en 2019
ABANCA converteuse no banco español con maior crecemento de valor de marca en 2019, tal e como revela un informe elaborado pola consultora especializada en valoración comercial de marca Brand Finance. Segundo o estudio ‘Finance Banking 500’, ABANCA escala 79 postos no ranking de 2019 e convértese na única entidade financeira de España que mellora a súa posición respecto ao ano anterior.
Segundo reflicte este informe independente, ABANCA incrementa o valor da súa marca un 55%, frente a unha tendencia xeralizada de empeoramento dentro do sistema financeiro español. Esta notable mellora da fortaleza de marca convirte ao banco na decimoterceira entidade que máis crece no mundo, segundo este análise.
Compromiso coa sostibilidade
ABANCA continuou desenvolvendo en 2019 o seu amplo programa de accións enfocadas cara á sostibilidade e o compromiso coa sociedade. Desde 2014 o banco realizou un investimento social de 50 millóns de euros en distintos programas de apoio á cultura, o coñecemento, o medio ambiente e a educación en valores, entre outras prioridades.
ABANCA converteuse en 2019 nun dos 130 bancos de todo o mundo que, como signatarios fundadores, adheríronse aos Principios de Banca Responsable no marco da Asemblea Xeral de Nacións Unidas. ABANCA formou parte, ademais, do grupo de 31 entidades que asinaron o Compromiso Colectivo de Acción Climática, polo que se comprometen a aliñar a súa estratexia e actividade financeira para loitar contra o cambio climático.
Estas iniciativas, xunto co compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o seu propio Código Ético e de Conduta, constitúen os principios xerais da Política de Sostibilidade de ABANCA. Este documento, que entrou en vigor en 2019, guiará as actividades do banco para contribuír a construír un novo modelo económico sostible.