RESULTADOS 3T 2023: ABANCA gaña 429 millóns, cunha rendibilidade do 13%
- O dinamismo do negocio retail e o sólido perfil financeiro, claves do resultado obtido nos primeiros nove meses do ano
- A entidade supera as 96.000 altas de clientes no ano e gaña cota de mercado nos principais territorios e negocios
- O sólido control dos custos permite mellorar 18,5 puntos o cociente de eficiencia
- O cociente de capital total alcanza o 17,3%, superando en máis de 1.500 millóns os requisitos regulatorios
- Elevada calidade do activo: morosidade do 2,3%, cociente Texas do 25,7% e cobertura de activos dubidosos do 75,3%
- A entidade lanza novas iniciativas ESG no marco do seu Plan de Banca Responsable e Sostible 2021-2024
Descarga los contenidos anexos
ABANCA logrou ata setembro un beneficio atribuído de 428,6 millóns de euros, cifra que sitúa o seu cociente de rendibilidade no 13,0%. O positivo desempeño da entidade sustentouse no dinamismo do negocio retail e no seu sólido perfil financeiro, para xerar un conxunto de resultados de elevada calidade.
ABANCA reforzou o seu posicionamento como entidade de dimensión ibérica. A entidade captou no conxunto de España e Portugal máis de 96.000 novos clientes, gañando cota de mercado nos principais territorios e negocios.
Características reseñables deste dinámico desempeño comercial foron o peso crecente das canles dixitais, que orixinan o 47% das altas, e os elevados niveis de vinculación e satisfacción do cliente, que se traducen nun índice de prescrición neta de 67 puntos nos novos clientes. Destacou tamén a evolución en Portugal, onde a entidade conseguiu un incremento interanual do 76% nas altas de clientes.
A adquisición de TARGOBANK, que desde outubro xa opera baixo a marca TARGOBANK Grupo ABANCA, reforza a presenza da entidade no arco mediterráneo e Andalucía. Ademais contribuirá a fortalecer liñas estratéxicas do negocio retail, como o crédito e os seguros, a xerar sinerxias en negocios estratéxicos como medios de pago, fóra de balance ou venda libre de seguros, e a incrementar a recorrencia e calidade do resultado.
ABANCA mantense como unha das entidades máis sólidas do sector financeiro español. A entidade presenta uns robustos niveis de capitalización (capital total do 17,3% e exceso de capital sobre requisitos de 1.528 millóns de euros), máxima calidade de activos (cociente de morosidade do 2,3% e taxa de adxudicados sobre balance do 0,2%), elevados niveis de cobertura (cobertura de dubidosos do 75,3% e cociente Texas do 25,7%) e unha cómoda posición de liquidez (cociente LTD minorista do 83,9% e activos líquidos por importe de 18.760 millóns de euros).
A entidade realizou catro emisións no que vai de ano, con excelente acollida por parte do mercado. Con elas o banco reforza a súa solvencia e cumpre con folgura, xa en 2023 e de maneira anticipada, o requisito MREL fixado para 2024.
No marco do seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, o banco logrou novos avances en materia ambiental, social e de gobernanza. No último trimestre executou diferentes accións de loita contra o cambio climático, de rexeneración ambiental e de inclusión financeira.
Fortaleza do negocio minorista
Nos primeiros nove meses do exercicio, ABANCA concedeu máis de 7.000 millóns de novo crédito a familias e empresas. Eses dous colectivos, con porcentaxes do 40 e o 42% respectivamente sobre o total, reciben máis de 8 de cada dez euros do investimento crediticio do banco. En España as novas formalizacións tradúcense nun incremento do 3,7% respecto a setembro de 2022, mentres que en Portugal ese crecemento é aínda maior, do 17,5%.
En ambos os países a entidade está a gañar cota de mercado en segmentos de negocio clave. En hipotecas, o incremento do 12,6% nas formalizacións, ata un importe total de 1.174,0 millóns de euros, traduciuse en crecementos da cota de mercado de novas operacións de 93 p.b. en España e de 97 p.b. en Portugal. En crédito a empresas, as formalizacións no ano suman 5.102,6 millóns de euros, o que supón un 6,1% máis, e dan lugar a crecementos de cota de novas operacións de 3 p.b. en España e de 58 p.b. en Portugal.
Este impulso á concesión de financiamento viuse acompañado dun crecemento do 9,3% nos recursos de clientes, que superan os 66.687 millóns de euros, incluíndo a parte correspondente a TARGOBANK Grupo ABANCA. Os saldos a prazo e os produtos fóra de balance rexistran un incremento de 4.736 millóns de euros no ano.
Os depósitos minoristas de clientes aumentaron un 8,3%, cunha alta granularidade. Estas cifras traducíronse en incrementos de cota de mercado de 18 p.b. en España e 10 p.b. en Portugal. ABANCA alcanza a peche de setembro os 53.285 millóns de euros de depósitos minoristas de clientes.
Este dinamismo da actividade obsérvase tamén nos negocios de fóra de balance e seguros. Respecto a setembro de 2022, os recursos fóra de balance creceron un 13,7%, ata os 13.402 millóns de euros. O banco xestiona a través do servizo de xestión discrecional de carteiras un volume superior aos 1.200 millóns de euros.
Pola súa banda, as primas de seguros xerais e vida risco creceron un 19,5% interanual, ata os 442,0 millóns de euros. O crecemento é homoxéneo e por encima do 10% nas principais liñas: 12% en automóbil e empresas, 11% en vida risco e 10% en pagos protexidos.
Rendibilidade sostible
A entidade segue reforzando a recorrencia dos seus ingresos con novos crecementos na marxe de intereses e na achega da prestación de servizos.
A marxe de intereses aumenta trimestre a trimestre e no terceiro do ano creceu un 17,1%, ata os 335,4 millóns de euros. Pola súa banda, os ingresos por prestación de servizos creceron un 3,8% en termos anuais, situándose en 70,4 millóns de euros no trimestre.
O incremento dos ingresos recorrentes viuse acompañado dun efectivo control dos gastos de explotación, que crecen por baixo do conxunto do sector en España. Con iso a marxe de explotación recorrente (marxe básica menos gastos de explotación) multiplicouse por 2,7 nos últimos doce meses, e o cociente de eficiencia mellorou en 18,5 puntos porcentuais respecto a setembro do ano pasado, situándose no 52,3%.
ABANCA afronta a incerteza da contorna desde unha posición de fortaleza do balance. A entidade presenta un cociente NPL do 2,3% e un nivel de cobertura para estes activos do 75,3%. O custo do risco mantense controlado, nun nivel do 0,24%.
Sólido perfil financeiro
ABANCA é unha das mellores entidades do sector financeiro español por calidade e cobertura dos seus activos, con niveis do 25,7% en cociente Texas, 64,3% en cobertura de adxudicados e 75,3% en cobertura de morosidade.
Cos saldos dubidosos estabilizados, o cociente de morosidade está situado no 2,3%. As operacións ICO, formalizadas por un importe de 3.386 millóns de euros co obxectivo de apoiar ao tecido económico, presentan unha morosidade do 3,9%, moi por debaixo da media do sistema.
En materia de solvencia, ABANCA presenta un cociente de capital total do 17,3% e un exceso de 483 p.b. e 1.528 millóns de euros sobre requisitos (470 p.b. e 1.487 millóns de euros sobre requisitos CET1). A entidade cumpre anticipadamente o requirimento MREL para 2024, cun exceso de 231 p.b se se ten en conta a última emisión de débeda levada a cabo en outubro.
ABANCA presenta unha estrutura de financiamento baseada fundamentalmente en depósitos minoristas, que supoñen o 82% do total. O cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) está situado no 83,9%.
Polo que respecta á situación de liquidez, ABANCA dispón de 18.760 millóns de euros en activos líquidos, cifra equivalente a 4 veces os seus vencementos previstos de emisións. Adicionalmente, dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 5.811 millóns de euros, o que sitúa a súa posición total en 24.571 millóns de euros. Deste xeito, a entidade presenta sólidos cocientes de liquidez: 131% en financiamento neto estable (NSFR) e 205% en cobertura de liquidez (LCR).
Banca responsable e sostible
ABANCA segue executando o seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 contribuíndo substancialmente a mellorar a contorna onde opera.
Co obxectivo de contribuír á loita contra o cambio climático, a entidade lanzou novos produtos sostibles, como a hipoteca para a adquisición de vivendas eficientes e o préstamo para a compra de coches ecolóxicos, e integrou a avaliación de risco climático e ambiental no proceso de concesión de crédito, buscando axudar na transición do tecido empresarial cara a prácticas sostibles.
Ademais, definiuse unha Política Sectorial de Risco Climático e Ambiental, ligada aos obxectivos de descarbonización; produciuse a adhesión a Partnership for Carbon Accounting Financials (PCAF); a participación no reporte de cambio climático de Carbon Disclosure Project (CDP) e a celebración da 4ª Xornada de Finanzas Sostibles.
En materia de rexeneración ambiental, tiveron lugar novas accións vencelladas aos programas de voluntariado ‘Traballando pola mellora do noso patrimonio natural’ e PLANCTON. No ámbito social, ABANCA segue poñendo en marcha novas actividades dentro do seu Plan de Inclusión Financeira para maiores. Ademais, en colaboración con Afundación, lanzou unha nova convocatoria de programas de educación financeira para mozos ‘Segura-Mente’, ‘A tola aventura do aforro’ e ‘Pon o teu diñeiro a salvo’.