Sonia Lucio, nova directora xeral de ABANCA Seguros
- Substitúe no cargo a Álvaro García Diéguez, que continuará vinculado ás distintas compañías de seguros do banco como conselleiro
Sonia Lucio foi nomeada nova directora xeral de ABANCA Seguros, cargo no que sucede a Álvaro García Diéguez, que seguirá vinculado ás compañías de seguros do grupo ABANCA con diversas funcións e como conselleiro.
Sonia Lucio foi directora comercial de ABANCA Seguros desde a súa creación, con responsabilidades tanto en seguros de vida como en seguros xerais, contribuíndo decisivamente ao lanzamento e éxito da compañía.
Incorporouse ao que hoxe é ABANCA en 2004. Anteriormente desenvolveu a súa carreira profesional no sector asegurador e na Axencia Tributaria.
Nos últimos anos, Sonia Lucio realizou importantes achegas ao proceso de desenvolvemento de ABANCA Seguros, en particular no ámbito de lanzamento de novos produtos. Agora como directora xeral, pilotará unha nova fase en ABANCA Seguros. “O obxectivo é lograr un negocio sostible, perfectamente aliñado coas necesidades do cliente a través de produtos innovadores, sinxeleza nos procesos e dun exacto coñecemento das situación e preferencias dos clientes”, sinala Sonia Lucio.
Nos seus oito anos como director xeral de ABANCA Seguros, Álvaro García Diéguez levou a cabo a creación da división de Seguros do banco, a internalización de todos os procesos de ABANCA Vida y Pensiones, a constitución de ABANCA Seguros Generales, así como a creación dos primeiros seguros propios, ou servizos tan innovadores como a tarifa plana ou a cobertura on-off.