Startup Galicia e ABANCA anuncian un convenio de colaboración para impulsar o ecosistema galego de startups
Startup Galicia, a asociación de emprendedores que promove e apoia o emprendemento en Galicia, e ABANCA Innova, a ferramenta de Open Innovation de ABANCA, veñen de asinar un convenio para colaborar no crecemento do ecosistema galego de startups.
O obxectivo de Startup Galicia, entidade sen ánimo de lucro fundada en 2016, é o de promover e apoiar o emprendemento tecnolóxico en Galicia, un sector incipiente pero que se vai converter nunha fonte de riqueza e emprego na rexión nos próximos anos.
Dende a súa creación, a asociación conseguiu vertebrar a comunidade de emprendemento local, dando pasos para fortalecelo dende o traballo voluntario das persoas que compoñen a directiva, así como tamén do apoio desinteresado dun gran número de persoas e empresas que comparten os mesmos obxectivos.
Startup Galicia está en pleno proceso evolutivo da súa estrutura, co fin de incrementar a súa presenza no ecosistema, dar máis apoio aos emprendedores e empresas que o conforman, e garantir a súa estabilidade en colaboración con outras empresas galegas.
ABANCA é a primeira empresa en apoiar esta nova etapa de Startup Galicia.
“Estamos moi contentos de conseguir o apoio de ABANCA”, comenta Daniel Cerqueiro, presidente de Startup Galicia. “ABANCA leva moitos anos sendo unha peza fundamental do ecosistema local a través das súas diferentes iniciativas. Este acordo vén reforzar a colaboración entre ambas entidades para traballar nos obxectivos comúns que nos marcamos para Galicia”.
A colaboración entre ABANCA Innovae Startup Galicia centrarase en axudar a ABANCA na visibilidade das diferentes iniciativas emprendedoras que realiza tódolos anos, así como tamén en axudar á entidade financeira a atopar empresas tecnolóxicas galegas coas que poder colaborar, tanto comercialmente como a nivel de investimento.
“Dende o seu nacemento en 2016, ABANCA Innova ten como obxetivo fundamental apoiar o ecosistema emprendedor en Galicia. Neste contexto, non podíamos máis que unirnos con Startup Galicia para promover e dar a coñecer as iniciativas innovadoras con orixe na rexión”, declara Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA
Sobre Startup Galicia:
Startup Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter multisectorial, constituída en 2016 co obxectivo de converterse nunha comunidade aberta, forte, dinámica, conectada e colaborativa de persoas ligadas ao emprendemento tecnolóxico e innovador en Galicia. Malia que este sector aínda é incipiente ten unha gran capacidade para xerar valor, riqueza e emprego de calidade. A entidade agrupa a máis de 100 persoas socias espalladas por toda Galicia ligadas ao emprendemento que representan a case 80 empresas e que xeran preto de 7.000 empregos directos.
Sobre ABANCA Innova:
ABANCA Innova é o departamento de innovación aberta de ABANCA, conta cun programa de colaboración con startups no que busca iniciativas do ámbito de negocio da entidade cos que poder probar as súas solucions nun piloto dentro dunha contorna controlada de risco. Tamén se encarga da xestión do programa de intraemprendemento da entidade e desenvolve o labor de observatorio tecnolóxico e de novas tendencias.