TERCEIRO ANIVERSARIO DA ENTIDADE LÍDER EN GALICIA. En tres anos ABANCA mellora a súa solvencia e rendibilidade, incrementa o crédito e reduce a menos da metade a súa morosidade
O banco desenvolveu desde a súa aparición en 2014 un profundo plan de transformación, baseado na orientación ao cliente, a innovación tecnolóxica, a fortaleza financeira e a responsabilidade social corporativa.
- A xestión desenvolvida polo equipo directivo tradúcese en crecementos do negocio minorista (19,3%), do crédito (10,4%) e da solvencia (CET1 do 11,44% a 14,41%)
- A rendibilidade multiplícase por 16 (ROE do 0,94% ao 15,04%) e a mora redúcese un 57% (do 15,06% ao 6,54%)
- A aposta polo servizo ao cliente, a especialización e a innovación permite a ABANCA incrementar os seus índices de calidade e satisfacción: o índice de recomendación (IPN) pasou de -42 a 12 puntos
- Desde o compromiso coa súa contorna, ABANCA impulsa un programa de responsabilidade social corporativa centrado na educación en valores, a cultura e o coñecemento
Descarga los contenidos anexos
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución beneficio ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución beneficio
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución crédito ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución crédito
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución CET1 ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución CET1
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución morosidade ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución morosidade
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución ROE ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución ROE
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución volume ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución volume
- ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución IPN ABANCA. Terceiro aniversario. Gráfica evolución IPN
O luns 26 de xuño, ABANCA cumprirá tres anos de presenza no mercado. Hoxe, a entidade financeira presenta unha sólida posición de rendibilidade, solvencia e crecemento, cunha mellora significativa nos principais cocientes financeiros con relación á situación de partida en 2014. O labor desenvolvido polo novo equipo directivo é unha das principais claves deste profundo proceso de transformación.
Entre 2013 e 2017 o volume de negocio minorista aumentou de 52.544 a 62.707 millóns de euros (+19,3%), o volume de crédito en situación normal creceu de 23.812 a 26.283 millóns de euros (+10,4%), a taxa de morosidade caeu do 15,06% ao 6,54% (-852 puntos básicos), o cociente de capital CET1 aumentou do 11,44% a 14,41% (+297 p.b), o beneficio neto incrementouse desde 21 a 334 millóns de euros (+313 millóns), e a rendibilidade ROE multiplicouse por 16 (desde o 0,94% ao 15,04%). O Indice de Prescrición Neta (IPN) pasou de -42 a +12 puntos (+54 puntos). O IPN é o índice de recomendación que ten unha empresa.
Nestes tres anos, ABANCA impulsou un novo modelo de goberno corporativo e de xestión que incorporou os máis altos estándares internacionais en termos de independencia, transparencia e xestión do risco. A entidade cumpriu todos os seus plans e compromisos: plan estratéxico, condicións marcadas no term sheet, e pago ao FROB, que ABANCA Holding Financeiro, cabeceira do grupo ABANCA, finalizou con ano e medio de adianto sobre o calendario previsto.
Con esta positiva evolución, ABANCA afronta o seu futuro como unha das entidades máis solventes do sector, cunha calidade da carteira por encima da media, e con cotas de mercado en ascenso en todas as liñas de negocio. “Unha vez alcanzadas as metas que nos fixamos en 2014, nos próximos anos concentrarémonos en seguir crecendo impulsados pola nosa proximidade ao cliente, o noso carácter innovador e transparente, e o noso compromiso coa nosa contorna”, explica o vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez.
Un dos mellores perfís financeiros do sector
En materia de financiamento, a principal prioridade da entidade, ABANCA chega a 2017 cun crecemento do volume de crédito que duplica o obxectivo fixado no seu plan estratéxico. Ao peche do primeiro trimestre do ano, ABANCA foi a entidade financeira a nivel estatal que máis creceu en saldo de crédito e unha das dúas únicas que rexistrou unha variación positiva neste epígrafe.
O crecemento da actividade viuse acompañado dunha notable mellora da calidade crediticia, cunha redución do crédito dubidoso do 58,7% en tres anos, unha taxa de morosidade situada claramente por baixo da media do sector, e un nivel de cobertura dos activos problemáticos do 53,3%, o segundo maior do sector.
Cunha estratexia enfocada en todo momento cara á solidez e a prudencia, ABANCA situouse como unha das entidades españolas con maior folgura de capital total (956 millóns de euros) sobre os requirimentos do BCE. ABANCA, que conta cunha sa estrutura de financiamento baseada nos depósitos de clientes, é unha das entidades con mellor cociente de depósitos/crédito do sector. A entidade, que cumpre folgadamente os requisitos de liquidez a longo e curto prazo marcados polo BCE, dispón de máis de 5.000 millóns de euros de activos líquidos.
En materia de rendibilidade, ABANCA alcanzou un resultado acumulado de 1.485 millóns de euros en tres anos e un ROE que se situou sistematicamente por encima do 8%, nivel claramente superior ao de todas as entidades cotizadas e competidores comparables.
Estas cifras, que en conxunto compoñen un dos mellores perfís financeiros do sector en España, ilustran a positiva evolución da entidade no pasado trienio, que se reflectiu nunha continua mellora das cualificacións emitidas polas axencias de rating ata alcanzar a categoría de investimento.
Transformación comercial
Nos últimos tres anos, ABANCA renovou a súa rede comercial incorporando un novo modelo de oficina caracterizado pola súa apertura de espazos, flexibilidade e carácter tecnolóxico. A entidade creou sete unidades especializadas para segmentos de negocio con necesidades diferenciadas: ABANCA Empresas, ABANCA Agro, ABANCA Mar, ABANCA Seguros, ABANCA Privada, ABANCA Persoal e ABANCA Consumer Finance.
Para ofrecer coñecemento experto a cada tipo de cliente e responder áxilmente ás súas demandas, ABANCA dispón de equipos comerciais e de riscos integrados por máis de 450 profesionais especializados. O conxunto do persoal do banco, que supón en Galicia 3.700 empregos de calidade (4.500 en toda España), foi un alicerce destacado durante este tres anos polo seu compromiso e implicación tanto cos clientes como coa transformación da entidade, sen esquecer o reforzo das súas capacidades a través de programas formativos centrados nas principais necesidades financeiras de empresas e particulares.
Todo este esforzo realizado por ABANCA para a mellora do seu modelo comercial e de atención ao cliente a través da diferenciación, a especialización e a formación viuse recompensado coa obtención da certificación AENOR Conform de Excelencia no servizo.
Modernización tecnolóxica
O banco realizou un investimento de 150 millóns de euros nos últimos dous anos para renovar a súa rede de oficinas, a súa infraestrutura e a súa plataforma tecnolóxica. Grazas ao lanzamento de servizos con diversas funcionalidades de pago móbil, envío de efectivo, financiamento e aplazamento de pagos (ABANCA Cash, ABANCA Pay, Samsung Pay), o proceso de dixitalización mostra un significativo avance: o 44% da base de clientes do banco son xa clientes dixitais activos, mentres que a canle dixital supón o 43% das transaccións totais. A banca móbil de ABANCA, un dos seus principais expoñentes tecnolóxicos, é unha das mellor valoradas tanto na App Store como en Google Play. No segmento empresas as transaccións realizadas a través da banca electrónica creceron un 31% internual no primeiro trimestre, con máis de 53.000 empresas activas que xa poden asinar as súas operacións desde o móbil.
Xunto ao foco no cliente e a tranformación do seu modelo de servizo, este amplo esforzo modernizador é unha das bases da positiva evolución dos índices de prescrición e satisfacción do cliente, medicións nas que a entidade deu un gran paso adiante. Ademais, a entidade foi a primeira do sector por crecemento da confianza do cliente en 2015 e 2016 (Premio EMO Insights).
Compromiso coa contorna
O compromiso coa contorna é para ABANCA un elemento inseparable da súa actividade de negocio, especialmente en Galicia. ABANCA é a única entidade financeira que presta servizo con oficina permanente en 86 municipios galegos (e noutros 8 a través de oficina móbil), o que supón evitar a exclusión financeira de máis de 180.000 habitantes.
Ademais doutros moitos acordos con diferentes entidades do tecido social, ABANCA mantén liñas de colaboración con preto de 250 colectivos do tecido produtivo (cámaras de comercio, asociacións de empresarios e emprendedores, federacións de comercio, sociedades cooperativas, polígonos industriais, asociacións de produtores, etc.), aos que apoia a través de convenios de colaboración e/ou produtos e servizos financeiros en condicións preferentes respecto das estandar do mercado.
Segundo un estudo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, a actividade e o financiamento concedido por ABANCA ás empresas galegas xera directa ou indirectamente o 12% do PIB galego e o 13% do emprego da comunidade. Adicionalmente, o 80% dos provedores do banco son empresas galegas.
Desde a súa creación ABANCA dotouse dunha estratexia de responsabilidade social corporativa centrada na educación en valores, a cultura e o coñecemento. A través dela chegou a máis de medio millón de beneficiarios. A entidade planifica e desenvolve de maneira continua numerosas accións enfocadas á sociedade (IESIDE, Convenio Fundación Deporte Galego, Fondo Bibliográfico e Colección de Arte ABANCA, Programa de Educación financeira, Foro ABANCA Responsable, ABANCA ReSuena), aos clientes (protección a debedores hipotecarios) e aos empregados (Voluntariado Corporativo, Código Ético e de Conduta).
Ao mesmo tempo, como parte esencial da súa actividade de Responsabilidade Social Corporativa é o único mecenas de Afundacion Obra Social ABANCA e sostén as actividades do seu plan estratéxico, en educación superior e de formación profesional co IESIDE, en envellecemento activo cos seus centros de maiores, e no desenvolvemento sociocultural a través da educación en valores, educación estética a través da arte e xestión da súa obra de belas artes e do seu patrimonio arquitectónico singular. Neste sentido, ABANCA achegou non menos de 5 millóns de euros en cada un dos últimos exercicios. A partir deste ano e durante os próximos 25 anos, ABANCA destinará a Afundación un importe equivalente ao 3% dos seus beneficios netos.