Voluntarios de ABANCA controlan a presenza de mimosas na área recreativa Sete Muiños de Guitiriz
- Os participantes na xornada eliminaron 30 metros cúbicos de Acacia dealbata na contorna do río Escádebas
ABANCA organizou o pasado sábado na área recreativa Sete Muiños, situada no municipio lucense de Guitiriz, unha nova xornada de traballo no marco do seu programa de voluntariado ambiental ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’.
A acción, organizada en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), tiña como obxectivo fundamental controlar a presenza de mimosas (Acacia dealbata) na contorna do río Escádebas, unha zona de alto valor ecolóxico que pertence á Reserva da Biosfera ‘Terras do Miño’.
Os 16 participantes conseguiron retirar 30 metros cúbicos desta especie exótica invasora, procedente de Australia, que ten unha presenza preocupante nos bosques galegos xa que incrementa a frecuencia e intensidade dos incendios pola cantidade de follaxe que produce, ademais de afectar á fertilidade do chan e diminuír a dispoñibilidade de auga para outras plantas.
A xornada concluíu cunha ruta interpretativa, que partiu da área recreativa, organizada co fin de sensibilizar aos asistentes, especialmente aos máis novos, da importancia de conservar o patrimonio natural e paisaxístico deste enclave.
As actividades incluídas no programa de voluntariado ambiental de ABANCA continuarán as próximas semanas con dúas xornadas de plantación de especies autóctonas en Coruxo (Vigo) e o Monte Xalo (Culleredo), en colaboración coas comunidades de montes.
Con estas accións, a entidade quere conseguir un impacto directo en catro Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS): ODS 10 ‘Redución das desigualdades’, ODS 13 ‘Acción polo clima’, ODS 14 ‘Vida submarina’ e ODS 15 ‘Vida de ecosistemas terrestres’.