A ciberseguridade, protagonista do novo programa de educación financeira de ABANCA e Afundación para a mocidade
- ‘Pon o teu diñeiro a salvo’ está dirixido ao estudantado de secundaria e formación profesional
- O banco e a súa Obra Social queren dotar ás novas xeracións das competencias necesarias para facer fronte á ciberdelincuencia
ABANCA e Afundación veñen de lanzar un novo programa de educación financeira, titulado ‘Pon o teu diñeiro a salvo’, que ten como obxectivo dotar ás novas xeracións de competencias dixitais que lles permitan facer fronte á ciberdelincuencia. Está dirixido ao alumnado de ESO e FP Básica, Media e Superior.
Esta proposta formativa contribuirá a que os novos estudantes adquiran os coñecementos necesarios para poder utilizar dun modo seguro, crítico e responsable as tecnoloxías dixitais, incluíndo especificamente contidos relacionados coa ciberseguridade.
A través dunha historia de ficción protagonizada polo Comisario Bermúdez, e cun enfoque inmersivo e gamificado, os alumnos e alumnas participantes convértense en axentes especializados en ciberseguridade que deben solucionar unha serie de casos. Esta formulación permítelles aprender dunha maneira entretida a detectar os riscos, ameazas e estafas máis comúns da contorna en liña, mentres adquiren coñecementos de educación financeira e seguridade dixital centrados en ámbitos aos que poden enfrontarse de maneira habitual, como poden ser as redes sociais, apps maliciosas, trading, criptomonedas ou NFT.
A actividade, que ten carácter gratuíto, está exposta para desenvolverse en dúas sesións. Os docentes que desexen inscribir aos seus estudantes poden facelo a través da web https://pontudineroasalvo.afundacion.org/ ou por correo electrónico, na dirección pontudineroasalvo@afundacion.org.
Unha vez realizada a inscrición, o profesorado recibirá todos os materiais e recursos necesarios para traballar estas temáticas dun modo flexible e adaptado á programación do curso.
Compromiso coa educación financeira
‘Pon o teu diñeiro a salvo’ reforza o programa de educación financeira que desenvolven ABANCA e Afundación desde 2015 cun enfoque inclusivo e integrador. A iniciativa, que superou o curso pasado os 130.000 beneficiarios, inclúe propostas adaptadas ás necesidades de formación en finanzas que presentan os diferentes colectivos sociais en función da etapa da vida na que se atopan, con especial atención á infancia, a mocidade e as persoas maiores.
Entre as actividades dirixidas a escolares e á mocidade destacan os programas ‘Segura-Mente’, para aulas de 2º e 3º ciclo de Primaria, ESO e FP Básica, e ‘A Tola Aventura do Aforro’, unha ferramenta didáctica para o estudantado de 1º a 6º de Primaria. Estas iniciativas foron recoñecidas en 2021 co premio ‘Finanzas para todos’ que outorgan Banco de España e CNMV e recentemente recibiron o primeiro premio na categoría de infancia e mocidade nos Premios CECA de Obra Social e Educación Financeira.