A suma da actividade corporativa e financeira de ABANCA xera en Galicia o 16% do PIB e o 15% do emprego
- Este impacto incrementouse respecto ao estudo realizado en 2015, cando a actividade da entidade supoñía o 12,6% do PIB e o 13,3% do emprego
- A actividade corporativa de ABANCA xera 11.606 empregos directos e indirectos en Galicia, onde o banco ten 4.193 empregados e máis de 3.000 provedores
- Os 13.992 millóns de financiamento concedido a máis de 112.000 empresas e autónomos galegos teñen un impacto no emprego en Galicia de 145.865 postos de traballo
- A contribución de ABANCA á economía galega foi obxecto dun estudo elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC

De esquerda a dereita, Melchor Fernández, catedrático do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, Pedro Veiga, director xeral de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA, e Manuel Fernández, profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá

De esquerda a dereita, Melchor Fernández, catedrático do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, Pedro Veiga, director xeral de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA, e Manuel Fernández, profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Descarga los contenidos anexos
ABANCA e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron esta mañá en Santiago un estudo sobre o impacto económico da actividade de ABANCA en Galicia, elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).
ABANCA xera en Galicia 1.171 millóns de euros e 11.606 empregos pola súa actividade como empresa, o que supón o 1,69% do PIB e o 1,11% do emprego da comunidade. Adicionalmente, o investimento crediticio do banco en empresas e autónomos tradúcese noutros 9.760 millóns na xeración anual de PIB e en 145.865 empregos, cifras que supoñen o 14,05% do PIB e o 13,83% do emprego de Galicia.
O estudo, presentado por Melchor Fernández e Manuel Fernández, profesores do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, e Pedro Veiga, director xeral de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA, pon de relevo a posición de ABANCA como unha das principais empresas de Galicia e a súa función como motor da economía da comunidade autónoma.
O informe ofrece unha estimación do valor engadido bruto (VAB) e do emprego xerados por ABANCA en Galicia, onde conta coas súas principais sedes corporativas e é a entidade financeira líder, cunha cota de negocio superior ao 40%.
Para o cálculo, que contempla os impactos directo, indirecto e inducido a partir de datos a peche do ano 2023, realizouse unha dobre análise: por unha banda, a actividade corporativa do banco, traducida na remuneración salarial ao seu persoal e as compras realizadas á súa cadea de provedores galegos; e, por outro, a actividade económica correspondente ás empresas e autónomos galegos que reciben financiamento de ABANCA.
Actividade corporativa
A actividade económica de ABANCA en Galicia xera directamente un impacto de 511 millóns, cifra á que se suman finalmente outros 660 millóns polo efecto multiplicador dos pagos aos seus máis de 3.000 provedores galegos (228 millóns de euros) e dos consumos realizados a partir dos salarios abonados aos traballadores da entidade en Galicia, para totalizar un impacto de 1.171 millóns, o que significa un 1,69% do PIB galego.
ABANCA localiza en Galicia o 62% do seu persoal total, un total de 4.193 empregos directos que supoñen o 0,36% do emprego total afiliado á Seguridade Social na comunidade e o 48,7% do emprego do sector financeiro galego. Por efecto do gasto realizado na economía a partir dos salarios pagos e das compras a provedores, a entidade xera un emprego adicional, indirecto e inducido doutros 7.413 postos de traballo. Así, o impacto total da actividade de ABANCA en termos de emprego xerado total é de 11.606 postos de traballo, o 1,11% do total de Galicia.
Financiamento a empresas e autónomos
ABANCA financia con máis de 13.992 millóns de euros a máis de 112.000 empresas e autónomos galegos, que crean o 49,4% dos postos de traballo da comunidade. Dacordo coa análise realizada polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), o financiamento concedido por ABANCA ao tecido empresarial galego tradúcese nun impacto directo de 4.882 millóns de euros, aos que hai que engadir outros 4.878 en impacto indirecto e inducido. A cifra total anual de 9.760 millóns de euros supón o 14,05% do PIB galego.
En termos de emprego, o financiamento concedido por ABANCA tradúcese nun impacto directo de 63.132 postos de traballo, máis outros 82.733 indirectos e inducidos. O impacto total de 145.865 postos de traballo atribuíbles ao efecto do financiamento concedido supón o 13,83% do emprego de Galicia.
Sostibilidade
En materia de sostibilidade, dacordo co informe a actividade corporativa de ABANCA representa só o 0,42% do total de emisións de CO2 producidas en Galicia. As emisións xeradas pola actividade das empresas e traballadores autónomos financiados pola entidade son inferiores en 2 puntos porcentuais á media da comunidade autónoma. O 43% do financiamento que concede ABANCA ao tecido produtivo galego canalízase aos 10 sectores con menores emisións de CO2.
Evidénciase deste xeito un efecto externo positivo da actividade do banco como axente impulsor da sostibilidade e a transición cara á descarbonización da economía de Galicia, na medida en que a actividade financiada por ABANCA é menos intensiva en carbono que a estrutura produtiva galega.