A Xunta de accionistas de ABANCA acorda destinar o beneficio de 2014 a fondos propios
- Os accionistas aproban un novo sistema de retribucións para os conselleiros
A Xunta Xeral de accionistas de ABANCA, reunida esta mañá en Vigo, acordou destinar o beneficio obtido en 2014 a fondos propios co obxectivo de potenciar o crédito, manter a solvencia e reforzar o patrimonio. Con esta decisión, a entidade galega continúa sendo unha das máis solventes entre os principais bancos españois e europeos.
O máximo órgano de goberno do banco aprobou tamén na súa xunta anual ordinaria a política de remuneracións dos membros do consello de administración que será compatible coa estratexia de negocio de ABANCA, cos seus obxectivos e valores a longo prazo. O novo sistema ten como obxectivos atraer, reter e motivar o traballo dos profesionais e integrar os principios para unha correcta xestión do risco no sistema retributivo. O novo sistema introduce remuneracións fixas e variables e fixa un importe máximo de retribución de catro millóns de euros para o conxunto de conselleiros. O consello de administración está formado por oito membros, cinco deles independentes.
Os accionistas da entidade galega votaron tamén favorablemente os cambios nos artigos dos estatutos societarios propostos co obxectivo de adaptarse á nova Lei de Sociedades.
Aprobación dos resultados de 2014
Os accionistas aprobaron as contas anuais de 2014 e a xestión social desenvolvida durante o exercicio pasado. No ámbito social, ABANCA iniciou en 2014 unha nova estratexia de Responsabilidade Social Corporativa apoiada en dous eixes de actuación: o acordo con Afundación para darlle continuidade e facer sostible a súa actividade, e o desenvolvemento dunha Obra Social propia, orientada cara a posta en marcha de programas de emprendemento, deporte base, maiores e outras accións sociais.
La Xunta de accionistas aprobou todos os puntos incluídos na orde do día. A sesión, que se desenvolveu sen preguntas, contou cunha representación do 88,3% dos accionistas.