ABANCA aborda con Itsas Garapen Elkartea o acompañamento financeiro ao sector pesqueiro en Euskadi
- A entidade financeira e o grupo de acción local pesqueiro reúnen en dúas sesións telemáticas especializadas aos principais representantes do mundo do mar no territorio
- As alternativas de financiamento centran un encontro a distancia, que permite captar ás necesidades do colectivo e traballar nunha proposta de valor
- O banco pon en valor a súa experiencia, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, e a súa proximidade, logo da recente compra de Bankoa, para dar resposta ás demandas dos distintos axentes do sector
ABANCA e Itsas Garapen Elkartea celebraron esta mañá de maneira telemática un encontro dixital para analizar as alternativas de financiamento do sector pesqueiro en Euskadi. O evento, que dividiuse en dúas sesións especializadas, contou coa participación do director xeral de Pesca e Acuicultura do Goberno vasco, Leandro Azkue, do director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e do coordinador de ABANCA Mar fora de Galicia, Mikel Eraso.
Baixo o título “Acompañamento ao sector pesqueiro en Euskadi”, a xornada de traballo reuniu a representantes do mundo do mar no territorio, que agrupan ao 90% dos axentes relevantes do sector. Cun formato moi dinámico e enfocado en dar solucións ás necesidades de toda a cadea de valor, os tres participantes presentaron alternativas para afrontar os desafíos máis urxentes que viven empresas e traballadores do mar e trazar estratexias de futuro para consolidar unha actividade clave para a economía produtiva vasca.
A primeira parte da xornada estivo enfocada en tratar as necesidades da primeira ligazón da cadea de valor do sector pesqueiro en Euskadi, integrado fundamentalmente por empresas extractivas e armadores. O director de ABANCA Mar, Javier Fraga, detívose en explicar algunhas das solucións que ofrece a entidade financeira para afrontar un dos retos comúns do sector como é a mellora da sostibilidade a través do proceso de renovación da frota. Para iso, ABANCA Mar dispón de hipotecas navais, que permiten introducir prazos amplos ou carencias para incentivar a construción de novas embarcacións, a remodelación ou a segunda adquisición de barcos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.
Na segunda metade do encontro, o foco recaeu no sector transformador e comercializador. Para este colectivo, o coordinador de ABANCA Mar, Mikel Eraso, detívose nalgún dos produtos do amplo catálogo e que son moi demandados, desde o financiamento do circulante, o financiamento de campañas estacionais, o Confir-MAR ou crédito pesqueiro, ademais do financiamento de investimentos a longo prazo, así como os anticipos de subvencións FEMP e o apoio á internacionalización. En definitiva, fórmulas flexibles e a medida das necesidades dos traballadores e empresas do mar.
Pola súa parte, o director xeral de Pesca e Acuicultura do Goberno vasco, Leandro Azkue, centrouse na súa intervención en trasladar aos asistentes a situación actual do estado de execución do FEMP, as posibilidades que ofrece este, e adiantou unhas pequenas pinceladas dos chanzos que se están a dar a nivel estatal, autonómico para a posta en marcha do novo FEMPA a partir do ano 2023.
ABANCA aproveitou o encontro telemático co sector para debullar a proposta de valor da súa división especializada ABANCA Mar, que o banco lanzou hai cinco anos como unha resposta pioneira dentro do sector financeiro. Esta unidade de negocio propón unha fórmula comercial na que únese o amplo coñecemento acumulado do sector, con produtos a medida e xestores especializados centrados nas necesidades das empresas e profesionais do mundo do mar. Desde 2016 creou un extenso catálogo de produtos e servizos, adaptado en todo momento ás demandas do colectivo.
A entidade redobrou nos últimos meses a súa aposta por Euskadi, logo da adquisición o pasado ano de Bankoa. Con esta operación corporativa, ABANCA sumou a experiencia dun banco que coñece de cerca o territorio e incrementou a súa presenza ata alcanzar as 32 oficinas en toda a xeografía vasca.