ABANCA acelera a súa adopción da intelixencia artificial coa celebración dunha xornada especializada
- O evento, de carácter interno, contou coa participación do presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez e o conselleiro delegado Francisco Botas
- Expertos de diferentes organizacións ofreceron nos seus relatorios unha ampla perspectiva das dimensións estratéxica, tecnolóxica e normativa da IA
ABANCA celebrou hoxe na sede de ABANCA Seguros na Coruña a súa I Xornada de Intelixencia Artificial, evento co que a entidade abre unha nova etapa no proceso de implantación desta tecnoloxía no seu modelo de xestión e na actividade cos seus clientes.
Nas diferentes sesións participaron Pablo Carlier, head of Data Analytics & AI Sales Iberia de Google Cloud, Carlos Fernández, socio de McKinsey & Company, Alexander Sukharevsky socio senior de McKinsey e líder global de QuantumBlack, Ignasi Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Davide Fabrizio, socio de Intelixencia Artificial de Deloitte España, Miriam Fernández, directora de AI Research e Analytical Innovation de S&P, e Amparo Alonso, catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.
O encontro, de carácter interno, foi seguido por 150 profesionais de diferentes áreas do banco, así como por integrantes do consello de administración e do comité de dirección, encabezados polo presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez e o conselleiro delegado Francisco Botas.
Próximo salto en innovación
ABANCA considera que a IA permitiralle avanzar en materia de innovación, un dos fundamentos da súa transformación do últimos dez anos. A través dun esforzo investidor de preto de 1.000 millóns de euros a entidade dotouse dunha plataforma tecnolóxica de alto nivel e lanzou ao mercado produtos e servizos diferenciais, como a primeira tarifa plana de seguros, o primeiro seguro on-off, ou o primeiro proxecto healthy banking do mundo, B100.
Como próximo obxectivo, a entidade busca converterse nun referente no sector financeiro español no ámbito da aplicación da intelixencia artificial aos procesos internos e á xestión da relación cos clientes, sempre respectando o regulamento europeo de IA e realizando os controis normativos adecuados para garantir o resultado dos modelos.
“Non imos ser meros espectadores: queremos ser activos, abrazar esta tecnoloxía e construír o noso futuro con ela como ferramenta clave. Temos a vista posta no seu potencial para ofrecer aos nosos clientes unha experiencia superior, tomar decisións de xestión máis intelixentes e eficaces, e mesmo anticiparnos ás necesidades do mercado”, explicou na súa intervención o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez.
“Situámosnos como unha entidade de referencia no sector financeiro español por calidade do perfil financeiro, rendibilidade recorrente e crecemento no mercado ibérico, así que estamos convencidos de que podemos conseguilo tamén en intelixencia artificial. Temos moito que gañar para ofrecer máis valor ao cliente e mellorar como organización”, sinalou o conselleiro delegado, Francisco Botas.
Primeiros resultados
En 2024 implantáronse máis de 25 iniciativas de intelixencia artificial xenerativa en ABANCA e o 60% do seu equipo emprega habitualmente algunha aplicación baseada nesta tecnoloxía. Ademais, o 32% dos principais procesos do banco incorporan IA e a produtividade dos servizos que foron transformados con IA incrementouse nun 35%.
Un exemplo destes avances é un chatbot interno que sitúa á entidade en posición de vangarda dentro do sector, reducindo nun 50% o tempo que os profesionais do banco destinan a consultas e procura de información. Tamén destaca a redución do 15% do tempo de resposta aos clientes en ABANCA Servicios Financieros (ASF), a través dun innovador proceso que mereceu no pasado mes de xullo o premio na categoría ‘Innovation Brillance’ dos prestixiosos SS&C Blue Prism Customer Excellence Awards. A IA tamén está implantada exitosamente nas áreas de Programación IT e Asesoría Xurídica.
Sesións técnicas
Nas diferentes sesións da I Xornada de Intelixencia Artificial os expertos participantes abordaron o fenómeno da IA desde os puntos de vista estratéxico, tecnolóxico e normativo, e detallaron o caso específico da súa aplicación ao sector financeiro:
Carlos Fernández, socio de McKinsey & Company: “O avance da intelixencia artificial radica no seu gran potencial para xerar novas oportunidades de negocio e ter un efecto amplificador sobre as capacidades e a produtividade nas empresas, así como na economía no seu conxunto. Este poder transformador non só require de tecnoloxía e datos xunto co binomio de intelixencia e algoritmos: para capturar o potencial é clave o talento e as persoas que lideren esta transformación e sexan capaces de escalar os proxectos da IA. No caso da banca, a IA pode ter un impacto en toda a súa cadea de valor: desde operacións, IT e soporte legal ata clientes e vendas; pero é necesario habilitar o talento involucrado nos proxectos e apostar pola creación de novos servizos e produtos que xeren valor adicional e ingresos”.
Pablo Carlier, head of AI & Data Analytics de Google Cloud Iberia: “O momento que estamos a vivir coa intelixencia artificial combina un avance tecnolóxico cualitativo coa aparición dun novo ecosistema apaixonante. Tras máis dunha década aplicando a IA nos nosos servizos globais, temos unha ampla experiencia ofrecendo estes servizos cada día aos nosos usuarios. En Google Cloud estamos a desenvolver unha plataforma integral que permite ás empresas, administracións e cidadáns aproveitar unha infraestrutura eficiente e avanzada, conectar os seus datos de forma segura e crear a seguinte xeración de axentes intelixentes, que revolucionarán os procesos do negocio bancario no futuro próximo”.
Ignasi Belda, director xeral de AESIA: “A intelixencia artificial exponnos numerosos desafíos que requiren unha xestión coidadosa e responsable. En AESIA, a nosa prioridade é garantir que o seu desenvolvemento en España se leve a cabo de maneira ética, segura e sempre en consonancia coas normativas europeas. Así como o Banco de España regula o sector financeiro, a nosa misión é supervisar e regular a IA para maximizar o seu potencial en beneficio da sociedade e o crecemento económico”.
Amparo Alonso, catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña: “O revolucionario da IA é o seu potencial para estenderse de maneira exponencial e transversal a practicamente calquera campo: medicina, educación, comunicación, enerxía, xestión de recursos, meteoroloxía, lecer, etc. A súa capacidade de impacto é tan elevada que resulta necesario que como sociedade adquiramos unha maior cultura tecnolóxica para resolver os interrogantes éticos que nos expón. Trátase dunha responsabilidade colectiva que debemos asumir todos, cidadáns, empresas e administracións públicas”.
Miriam Fernández, directora de AI Research e Analytical Innovation de S&P: “A adopción da IA xenerativa vai crear rendibilidade e melloras na toma de decisións e a xestión de riscos do sector financeiro. Pero tamén conleva novos riscos e custos que os bancos terán que xestionar. As entidades que implementen con éxito a IA obterán vantaxes competitivas e diferenciaranse fronte ao resto do mercado. Isto pode ter implicacións nas seus rating de solvencia crediticia, principalmente a través de tres áreas: franquía comercial, desempeño financeiro e xestión de riscos ".
Davide Fabrizio, socio de Deloitte: “Todos recoñecemos que o potencial da IA Xenerativa segue sendo revolucionario. As empresas que liderarán serán aquelas capaces de aterrar esta tecnoloxía nunha realidade chea de complexidades que deben xestionarse adecuadamente. Non se trata só de modelos de linguaxe (LLM), senón que tamén é fundamental considerar a infraestrutura tecnolóxica, a regulación, o ecosistema de partners, o modelo operativo, a ética, o talento, a calidade e goberno do dato ou a seguridade, entre outros aspectos”.