ABANCA achegou a educación financeira a máis de 750 estudantes durante a Global Money Week
- Máis de 300 alumnos e alumnas participaron nos encontros da nova iniciativa ‘De Economía a Econotuya’
- As conferencias ‘Preparados para dar o salto’ chegaron a máis de 240 estudantes de Secundaria
ABANCA e a súa Obra Social reforzaron a semana pasada, coincidindo coa celebración da Global Money Week, as actividades do programa de educación financeira que desenvolven ao longo do curso escolar. Máis de 750 estudantes participaron nas diferentes accións organizadas coa fin de achegar os coñecementos financeiros ás aulas.
Entre as iniciativas postas en marcha destacaron os encontros educativos ‘De Economía a Econotuya’, aos que asistiron 325 alumnos e alumnas de Educación Primaria, Secundaria e Formación Profesional de Galicia, Estremadura, Castela e León, Madrid e País Vasco. En concreto, participaron escolares do Colexio María Reina de Madrid, Colexio Divina Pastora de León, IES Arcebispo Xelmírez de Santiago, CEIP Trajano de Mérida, CEIP Paraixal de Vigo, Colexio Peñarredonda de A Coruña, Colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, CPI José García García de Ourense, Colexio Padres Franciscanos de Lugo e Colexio Otxarkoaga de Bilbao.
Nestas sesións, persoas directivas de ABANCA que participaron como voluntarias acudiron aos centros escolares para explicar diferentes conceptos financeiros adaptados á idade dos asistentes. En Educación Primaria abordaron temas como os seguros, o uso responsable do diñeiro, o aforro e a diferenza entre caprichos e necesidades. En Secundaria e Formación Profesional incluíron temáticas como a inflación, a rendibilidade do diñeiro, o trading, as criptomonedas, a ciberseguridade e mesmo a interpretación dunha nómina.
Ademais desta nova acción, que amplía o alcance do programa de educación financeira de ABANCA e Afundación, tamén se reforzaron outras actividades, como o ciclo de conferencias ‘Preparados para dar o salto’. En total, 243 estudantes de Secundaria asistiron ao seis relatorios que se impartiron en diferentes centros educativos de Galicia.
Ademais, 54 estudantes participaron nas dúas sesións organizadas no International School SEK Atlántico en Poio no marco do programa ‘As túas finanzas, o teu futuro’, promovido pola Asociación Española de Banca co asesoramento pedagóxico de Junior Achievement.
Tamén durante a Global Money Week impulsáronse outras actividades dirixidas ao público escolar, como o Gran Prix Financeiro, do que gozaron máis de 70 escolares; os talleres de innovación e emprendemento do programa formativo que promoven Afundación e a Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF), aos que asistiron 30 estudantes, ou a sesión formativa do programa ‘Segura-Mente: O Gran Tour’, na que participaron 25 alumnos e alumnas do IES Rafael Puga Ramón de A Coruña.
Todas estas accións forman parte do programa de educación financeira de ABANCA e Afundación e teñen como obxectivo fomentar desde idades temperás a autonomía económica dos mozos e brindarlles as ferramentas necesarias para tomar decisións informadas e responsables sobre o diñeiro.