ABANCA, Afundación e AGA-Ucraína reúnen 92 toneladas de axuda humanitaria para enviar a Ucraína
- As tres organizacións remitiron hoxe 46 toneladas de produtos de primeira necesidade, que se suman ás 23 toneladas enviadas o 11 de marzo e a outras 23 que se enviarán proximamente desde León
- Os dous camións que transportan o novo material partiron desde Santiago de Compostela e Ourense cara ao punto fronteirizo de Przemysl
ABANCA, Afundación e AGA-Ucraína realizaron hoxe un novo envío de axuda humanitaria a Ucraína cun total de 46 toneladas de material solidario, que se suman ás 23 toneladas que partiron da Coruña o pasado 11 de marzo e foron entregadas o día 15 no punto fronteirizo de Przemysl, entre Polonia e Ucraína. O banco e a súa Obra Social están a organizar neste momento a saída dun cuarto camión con 23 novas toneladas de axuda humanitaria desde León.
Neste caso, o transporte realízano dous camións que saíron hoxe desde Santiago de Compostela e Ourense con 23 toneladas de axuda cada un. O material que levan procede das doazóns realizadas pola cidadanía e outras organizacións solidarias na zona de Santiago e comarca e na provincia de Ourense, onde se contou coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial.
En Santiago, a axuda estaba almacenada na Cidade da Cultura, e en Ourense, nunha nave da Deputación situada no Polígono de San Cibrao cedida polo ente provincial a AGA- Ucraína. En ambos os casos, o material enviado inclúe roupa de abrigo, produtos de alimentación e hixiene, así como artigos de primeiros auxilios e medicamentos.
O destino dos camións será, ao igual que no primeiro envío, o punto fronteirizo de Przemysl, entre Polonia e Ucraína. Alí está habilitado un almacén de recollida desde onde se realizará o traslado do material ata as municipalidades de Truskavets e Leópolis, situadas ao oeste de Ucraína. Estas dúas localidades sofren desabastecemento de produtos básicos e atópanse no corredor de saída da poboación que foxe doutras zonas do país cara á fronteira e que necesita asistencia humanitaria.
A presidenta de AGA-Ucraína, Natalia Afonina, desprazouse a Santiago para apoiar ás persoas voluntarias que realizaron as tarefas de selección, clasificación e carga de material nos camións. Na capital galega estivo acompañada polo director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e a coordinadora de Marketing de Afundación, Rosario Rodríguez. En Ourense, acudiron a agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias o director de zona Ourense Centro de ABANCA, Enrique Romero, e a coordinadora xeral de RSC e Institucional de Afundación, Pilar Alves.
Ademais do apoio á asociación AGA-Ucraína, ABANCA e Afundación manteñen vixentes outras medidas que impulsaron para contribuír a paliar as necesidades da poboación ucraína e as persoas refuxiadas, como a conta solidaria ES80 2080 7208 3385 3000 7122 para recadar fondos para Cruz Vermella e Save the Children, a gratuidade das transferencias que se realicen desde España a Ucraína ou o aproveitamento da infraestrutura creada para o programa Cultura por Alimentos para a recollida de material nos espazos de Afundación.