ABANCA alcanza a categoría de ratings A, tras subir DBRS un chanzo a súa cualificación
- A axencia mellora o rating emisor a longo prazo de ABANCA de BBB (high) a A (low), con perspectiva estable
- DBRS basea a súa decisión na rendibilidade, o perfil de riscos, a capitalización e o perfil de financiamento e liquidez do banco
- Esta mellora de rating por parte de DBRS únese á realizada por Moody’s en novembro do ano pasado

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA entrou, por primeira vez na súa traxectoria, no nivel de ratings de denominación A, o bloque de cualificacións máis elevado das axencias, tras recibir por parte de DBRS Ratings GmbH (Morningstar DBRS) a mellora nun chanzo do seu rating emisor a longo prazo, que pasa de BBB (high) a A (low). DBRS situou a perspectiva de ABANCA en estable. Nesta decisión a axencia tivo en conta a mellora da rendibilidade de ABANCA, así como a solidez do seu perfil de riscos e capitalización e o seu robusto financiamento e liquidez.
Así mesmo, a cualificadora elevou o rating intrínseco ("Bank´s Intrinsic Assessment") de ABANCA, que pasa de BBB (high) a A (low), o rating da débeda senior a longo prazo e dos depósitos a longo prazo, que pasan de BBB (high) a A (low), con perspectivas estables, e o rating da débeda subordinada, que pasa de BBB (low) a BBB, con perspectiva estable. DBRS confirmou todas as cualificacións a curto prazo en R-1 (low), con perspectivas estables.
Rendibilidade, perfil de riscos, capital e financiamento
Nos últimos anos ABANCA acreditou unha rendibilidade mellorada e resiliente, e de fronte ao futuro DBRS espera que siga mostrando sólidos niveis de rendibilidade grazas a un perímetro de negocio máis amplo, unha axustada estrutura de custos e un baixo custo do risco. O banco presenta tamén un sólido perfil de riscos, baseado nunha carteira de préstamos diversificada e robustas métricas de calidade de activos. A súa posición de capital, pola súa banda, supera cunha ampla marxe os mínimos regulatorios, mentres que o perfil de financiamento e liquidez mellorou, apoiado por unha ampla e crecente base de depósitos de clientes e unha adecuada combinación de financiamento maiorista.
A subida aplicada por DBRS únese á efectuada por Moody’s en novembro de 2024. ABANCA conta desde abril de 2022 con grao de investimento nos ratings das catro axencias que a cualifican: DBRS, Moody's, Fitch e Standard and Poor's, nas dúas últimas con perspectiva positiva.