RESULTADOS 3T 2026: ABANCA eleva un 2,4% o seu beneficio antes de impostos, ata 765 millóns, e sitúa a rendibilidade no 12,2%
- Sólida rendibilidade sustentada no crecemento eficiente do negocio recorrente e a boa xestión do balance
- O beneficio antes de impostos aumentou un 2,4% interanual
- O beneficio neto, 579 millóns, reflicte a normalización da taxa fiscal (do 7% ao 28%); a tipo comparable crecería ao mesmo ritmo que o resultado operativo
- ABANCA eleva un 6,4% interanual o seu volume de negocio, que se sitúa por enriba dos 142.000 millóns de euros
- Intenso crecemento comercial: máis de 116.000 novos clientes captados no mercado ibérico
- As familias e empresas reciben un total de máis de 14.000 millóns de euros de novo financiamento
- O cociente de capital CET1 sitúase no 13,3%, con 1.900 millóns de euros de folgura en capital
- Perfil de liquidez estable: cociente créditos / depósitos do 88,6% e base de depósitos granular
- A taxa de mora mellora ata situarse no 1,8%, cunha cobertura de activos dubidosos que sobe ata o 88,4%
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo nos primeiros nove meses de 2026 un beneficio antes de impostos de 764,5 millóns de euros, un 2,4% máis en termos interanuais. O beneficio despois de impostos situouse en 579,1 millóns, un 13,6% menos ca no mesmo período do ano anterior, debido ao incremento da taxa fiscal efectiva provocado polo menor uso de créditos fiscais. A rendibilidade ROTE situouse no 12,2% e a rendibilidade sobre CET 1 no 14,8%, cunha elevada folgura sobre o custo do capital.
A solidez dos seus fundamentais permítelle á entidade afrontar a contorna de incerteza desde unha base robusta. A combinación de ampla solvencia (1.900 millóns de colchón de capital), elevada calidade do activo (mora 1,8%, cobertura 88%) e folgada posición de liquidez sitúan a ABANCA como unha das entidades máis sólidas do sector.
Como en trimestres anteriores, o resultado obtido baséase no crecemento eficiente do negocio recorrente e na boa xestión do balance. A entidade segue mostrando un elevado dinamismo comercial, cunha intensa captación de novos clientes que reforza a súa franquía ibérica. A entidade incorporou no que vai de ano máis de 116.000 novos clientes no conxunto de España e Portugal, a maioría (7 de cada 10) en áreas distintas á súa zona de orixe.
Este forte ritmo de crecemento vese acompañado de elevados índices de satisfacción: tres de cada catro novos clientes valoran a súa relación coa entidade cunha nota de 9 ou máis puntos (sobre 10), destacando a excelente percepción da calidade de servizo.
En paralelo á captación de clientes, a evolución do negocio segue mostrando unha gran solidez. O volume de negocio situouse en 142.859 millóns de euros, o que supón un 6,4% máis ca en setembro de 2025.
O banco destinou un total de máis de 14.000 millóns de euros en novo financiamento para apoiar a familias e empresas, con crecementos das novas formalizacións do 8,3% e o 5,6% respectivamente. Pola súa banda, os recursos de clientes aumentaron un 5,5% no período, con crecemento tanto nos depósitos coma no fóra de balance. A domiciliación de nóminas creceu un 11,3%.
No mercado de seguros, a entidade acadou un fito moi relevante ao superar o millón de pólizas xestionadas, grazas a unha estratexia diferencial baseada en produtos propios. As primas de seguros xerais e vida risco creceron un 11,5% respecto a hai un ano, ata os 746 millóns de euros. O número de pólizas sitúase na contorna dos 1,2 millóns, con máis de 750.000 clientes.
Pola súa banda, B100, a proposta 100% dixital de ABANCA, continúa a súa evolución con fortes incrementos desde setembro do ano pasado en número de clientes (73%) e volume de negocio (61%). B100 desempeña un papel esencial na estratexia de crecemento en mercados sen presenza física e de competencia fronte ás entidades con modelos de negocio só dixitais.
O bo desempeño comercial de ABANCA é diferencial respecto ao sector, como demostran as ganancias de cota de mercado en practicamente todos os produtos. Son especialmente relevantes os incrementos de cota en seguros xerais (35 p.b.), fondos de investimento (25 p.b.), TPVs (19 p.b.) e tarxetas en circulación (18 p.b.).
Durante o trimestre, a entidade seguiu avanzando na súa transformación tecnolóxica a través dunha adopción intensiva da IA, cunha estratexia dixital orientada ao cliente, á ciberseguridade e á excelencia operativa. Os 250 casos de uso de IA implantados para a transformación dos procesos permiten unha maior personalización da oferta e un importante aforro de tempo que se reflicte nunha mellor atención ao cliente.
Resultados sólidos e diversificados
Nos nove primeiros meses do ano o beneficio antes de impostos acadou os 764,5 millóns de euros, un 2,4% máis ca no mesmo período do exercicio pasado. A marxe bruta medra un 3,7%, por enriba dos gastos de explotación, o que posibilita unha mellora da eficiencia operativa. O custo do risco mantense controlado, evidenciando unha elevada prudencia na identificación e provisión de riscos. A rendibilidade ROTE situouse no 12,2%, superando claramente o custo do capital.
A xestión de prezos e volumes permite a mellora da marxe de intereses, que aumentou no terceiro trimestre de 2026 un 5,3% respecto ao mesmo período do exercicio pasado. A entidade espera que esta progresión positiva continúe nos vindeiros trimestres.
Os ingresos por prestación de servizos e negocio asegurador incrementáronse nun 14,1%. Destacan especialmente as liñas de seguros, cuxos ingresos creceron un 29,9%, servizos bancarios, cun 31,6%, e xestión do aforro, cun 14,9%.
A obtención de sinerxías procedentes das operacións corporativas e a aplicación de políticas de racionalización traducíronse nun crecemento dos custos inferior ao dos ingresos (3,6% fronte ao 3,7%) e tamén inferior á media do sector (5,1%) e inflación (+4,9%). Grazas a iso o cociente de eficiencia mellorou no terceiro trimestre do ano en 21 p.b. fronte ao anterior.
ABANCA segue aplicando unha política de máxima prudencia na dotación de provisións e reforza os seus xa sólidos niveis de cobertura. O custo do risco está situado no 0,22%, o cociente de dubidosos no 1,8% e a súa cobertura no 88,4%.
Crecemento en todos os negocios e xeografías
O volume de negocio xestionado pola entidade situouse, ao peche do terceiro trimestre do ano, en 142.859 millóns de euros, cifra un 6,4% superior á de hai un ano. O crédito á clientela situouse en 56.579 millóns de euros, mentres que os recursos totais acadaron os 86.280 millóns. O crédito en situación normal acadou os 56.271 millóns de euros, un 7,9% máis respecto a setembro de 2025. A carteira de crédito ao sector privado, que supón o 84% do total, creceu un 4,7% interanual.
O volume de recursos totais de clientes creceu un 5,5% interanual, ata os 86.280 millóns de euros. Por tipoloxía de produtos, os depósitos á vista e a prazo supoñen o 74% e os recursos fóra de balance (fondos de investimento, pensións e seguros de aforro) o 26% restante.
Os depósitos de clientes aumentaron un 1,7% interanual, situándose nos 63.855 millóns de euros. Os saldos á vista creceron un 2,9%. A carteira presenta un perfil netamente minorista: sobre o total, o 95% corresponde a familias e empresas, e a maioría (69%) ten un saldo inferior aos 100.000 euros.
A entidade segue crecendo con intensidade en fóra de balance e comercialización de seguros. O volume de recursos fóra de balance situouse en 22.425 millóns de euros, cifra que supón un 18,4% máis respecto a setembro do exercicio pasado.
As primas de seguros xerais e de vida risco aumentaron un 11,5%, ata os 746 millóns de euros. Por liñas, as primas de seguros de decesos creceron un 26%, as de vida risco un 24%, as de empresas un 18%, e as de saúde un 14%.
Sólido perfil financeiro
ABANCA é unha das entidades máis sólidas do mercado ibérico atendendo aos seus cocientes de solvencia, calidade do activo e liquidez.
En solvencia, os cocientes acadan o 17,7% en capital total e o 13,3% en CET1. A elevada rendibilidade sobre o capital CET1 (14,8%) permite unha sólida xeración orgánica de capital. A entidade dispón dun amplo colchón de capital sobre requisitos de 1.892 millóns para crecer con solvencia mantendo un elevado nivel de capitalización. O exceso sobre requisitos MREL é de 292 millóns de euros.
A entidade continuou reducindo os saldos dubidosos, que descenderon un 10,6%, co que a taxa de mora se situou no 1,8%. Os adxudicados, pola súa banda, supoñen un residual 0,1% do balance. En paralelo ao descenso do crédito dubidoso, o banco incrementou os seus niveis de cobertura ata o 88,4% para estes activos.
A estrutura de financiamento é netamente minorista, cun 87% de depósitos minoristas sobre o total e un cociente LTD minorista do 88,6%. En termos de cocientes regulatorios de liquidez, ABANCA presenta cocientes do 137% en financiamento neto estable (NSFR) e do 174% en cobertura de liquidez (LCR), cumprindo folgadamente os requisitos.
ABANCA dispón de 20.354 millóns de euros en activos líquidos, cifra equivalente a máis de 4 veces os seus vencementos previstos de emisións. Adicionalmente dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 7.992 millóns de euros, o que eleva a súa posición de liquidez ata unha cifra de 28.345 millóns de euros.
Banca responsable e sostible
O desenvolvemento da estratexia de sostibilidade de ABANCA deu lugar no trimestre a novas accións nos ámbitos financeiro, cultural, medioambiental e de voluntariado. A excelente práctica ESG de ABANCA é recoñecida pola axencia de cualificación Sustainalytics, do grupo Morningstar, que mantén á entidade como a segunda mellor a nivel mundial na súa categoría.
ABANCA está enfocada no acompañamento ao tecido produtivo cara a un modelo máis sostible, para o que impulsou, entre outras iniciativas, máis de 30 acordos sectoriais que benefician a máis de 45.000 asociados. Ademais, máis do 50% do financiamento concedido está dedicado a aqueles menos sensibles á transición.
A concesión de financiamento a proxectos de enerxías renovables tradúcese na xeración dun volume de enerxía equivalente ao abastecemento duns 715.000 fogares. Ademais, o financiamento de ABANCA para vivenda verde supón un aforro de enerxía equivalente ao consumo eléctrico anual de máis de 4.000 fogares. Por outro lado, o banco reduciu nun 16,84% as súas emisións, situándose como a segunda mellor entidade española.
Polo que respecta á actividade de Afundación, a obra social de ABANCA, no último trimestre celebráronse novas accións de voluntariado medioambiental e social; de difusión da cultura, con exposicións en diferentes localidades de toda España; e de concienciación e coidado medioambiental.