ABANCA amplía os supostos da moratoria financeira para protexer os seus clientes fronte á emerxencia sanitaria
- Poderán acollerse os particulares e autónomos afectados economicamente pola emerxencia sanitaria
- Os clientes poderán aprazar as cotas de capital nas súas operacións hipotecarias ata 12 meses
- Tamén, os clientes poderán aprazar cotas de capital nas súas operacións persoais ata 6 meses
- ABANCA abre o luns, 20 de abril, o prazo de presentación de solicitudes, que deberán presentarse a través da web (www.abanca.com) ou por email a unha oficina da entidade
ABANCA ampliou o número de supostos da moratoria financeira co obxectivo de incrementar a protección dos seus clientes particulares fronte ás consecuencias económicas da emerxencia sanitaria. A ampliación a novas situacións persoais e produtos financeiros permitirá incrementar o número de persoas que poden aprazar sen custe o pagamento das cotas do principal dos seus produtos financeiros. ABANCA comezará a recibir e tramitar as solicitudes dos particulares afectados este mesmo luns, día 20.
Os beneficiarios desta ampliación son as persoas físicas, incluídos autónomos, titulares de operacións hipotecarias e persoais . A moratoria permite o aprazamento das cotas de capital ata 12 meses no caso de hipotecas e ata 6 meses no resto dos casos.
Para acollerse a esta posibilidade será necesario que se teñan visto afectados economicamente por pasar a situación de desemprego, verse afectados por un expediente de regulación temporal de emprego, enfrontarse a un cese ou redución das súa actividade económica ou outras circunstancias equivalentes.
As solicitudes deberán presentarse a través da web do banco (dispoñible ao longo da próxima semana), ou por correo electrónico dirixido a unha oficina da entidade. ABANCA lembra que, seguindo as pautas de protección vixentes desde o estado de alarma, desaconséllase a realización de trámites e xestións de maneira persoal nas oficinas. O prazo máximo no que as solicitudes serán contestadas será de 30 días.
Accións económicas, sanitarias e sociais
Esta moratoria voluntaria forma parte da batería de actuacións emprendidas por ABANCA no marco da loita contra a emerxencia sanitaria.
As principais son a mobilización de 8.300 millóns a través do ‘Plan Anticipar’ e do anticipo das pensións para 400.000 clientes. O ‘Plan Anticipar’ destina 7.900 millóns de euros ao financiamento para empresas, pemes, autónomos, negocios e comercios; a tramitación con carácter de urxencia das operacións de financiamento para o tecido produtivo co aval do Estado. Inclúe tamén o anticipo do cobro das prestacións de xubilación e desemprego, a condonación de tres mensualidades de aluguer a familias residentes en inmobles do Fondo Social de Vivenda, a participación na creación dun seguro colectivo para protexer aos profesionais sanitarios, a compra de 150 unidades individuais de coidados intensivos, ou a doazón, en colaboración con Afundación, de 20.000 máscaras cirúrxicas e 7.000 pantallas faciais protectoras ás residencias de maiores galegas.