ABANCA anticipa por segundo mes consecutivo o pago de pensións a 400.000 clientes
- A entidade volve adiantar ao día 24 o abono das pensións da Seguridade Social para axudar aos seus clientes maiores a paliar o impacto da pandemia
- O adianto de 341 millóns terá un especial impacto en Galicia, onde un de cada dous pensionistas ten a súa paga domiciliada en ABANCA
- Os clientes de ABANCA poderán contratar por teléfono tarxetas de débito e banca a distancia e enviar diñeiro ao caixeiro desde o teléfono móbil
ABANCA volverá adiantar, por segundo mes consecutivo, o pago de pensións da Seguridade Social para apoiar ao colectivo de clientes maiores, especialmente vulnerable ante a actual crise pola pandemia do COVID-19. Esta medida forma parte do Plan Anticipar, impulsado pola entidade para axudar a pemes, autónomos, empresas e familias a mitigar o impacto económico e social desta situación de emerxencia.
Os preto de 400.000 clientes con pensión do Instituto Nacional da Seguridade Social domiciliada en ABANCA terán ingresado na súa conta de forma automática o importe da súa paga correspondente ao mes de abril este venres, día 24. Dado que o abono por parte do INSS realízase, con carácter xeral, o primeiro día hábil de cada mes e o 1 de maio é festivo, neste caso ABANCA adianta aos seus clientes o pago oito días con respecto á data prevista.
Este anticipo, que en total ascende este mes a 341 millóns de euros, ten unha gran transcendencia en Galicia, onde un de cada dous pensionistas ten domiciliada a súa pensión en ABANCA. A medida ten como obxectivo axudar e protexer a un segmento de clientes prioritario para a entidade, que está especialmente afectado por esta emerxencia sanitaria.
Canles dixitais e telefónicas
Durante o estado de alarma por esta pandemia, ABANCA recomenda aos seus clientes que eviten desprazarse ás oficinas e que utilicen as canles dixitais (banca electrónica e banca móbil) e de autoservizo da entidade. No caso de que necesiten dispoñer de diñeiro en efectivo, o banco aconsella o uso do caixeiro automático.
A entidade activou procedementos especiais para os seus clientes poidan contratar telefonicamente tarxetas de débito e banca a distancia. Ademais, o banco pon ao dispor dos seus clientes o servizo ABANCA Cash, que permite enviar diñeiro ao teléfono móbil de calquera persoa e retiralo de forma inmediata en calquera caixeiro, sen necesidade de usar tarxetas.
Outras accións de apoio durante a pandemia
Ademais do adianto de pensións e prestacións por desemprego, o ‘Plan Anticipar’ de ABANCA, activado con carácter urxente o pasado 14 de marzo, contempla unha batería de medidas de apoio a familias, autónomos, pemes e empresas para paliar os efectos económicos e sociais da crise derivada da emerxencia sanitaria por coronavirus. Tamén no ámbito do crédito, ABANCA impulsa as operacións de financiamento con aval do Estado e ampliou os supostos da moratoria financeira co obxectivo de incrementar a protección dos seus clientes particulares e autónomos fronte a esta crise.