ABANCA apoia os ‘Días azuis’ para animar as vendas no comercio galego
- O banco colabora nunha nova edición da campaña promovida pola Federacion Galega de Comercio e a Xunta de Galicia para dinamizar o comercio de proximidade
- Ata o 30 de setembro sortearanse entre a clientela 80 tarxetas prepago de 300 e de 150 euros, achegadas pola entidade financeira
O director de Red Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentaron esta mañá a quinta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
Trátase da edición de setembro desta iniciativa, que contará este ano con outra convocatoria no mes de novembro. Deste xeito, os organizadores queren potenciar o fomento, estímulo e impulso do comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector na nosa comunidade autónoma, nun momento especialmente complicado pola situación derivada da pandemia pola covid-19.
A edición de setembro 2020 de “Días Azuis do Comercio Galego” desenvolverase entre o 14 e o 30 de setembro, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións da nosa comunidade autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com ou solicitar ó comerciante que faga o rexistro.
A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que achega os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou a necesidade de iniciativas que “agora máis ca nunca, conciencien ó consumidor da necesidade de apostar polo comercio de proximidade, realizar campañas que incentiven o consumo e recuperar a confianza do consumidor amosándolle que os nosos establecementos son seguros”. Tamén suliñou a necesidade da innovación e a dixitalización do sector e marcou coma reto superar os preto de 109.000 tickets de compra rexistrados na edición de outubro de 2019. Do mesmo xeito, remarcou a implicación e a colaboración entre as tres entidades para realizar os “Días Azuis do Comercio Galego”, así como outras moitas actividades que se están a propoñer en pro da competitividade do sector.
Pola súa banda, o director de Red Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, salientou a necesidade de “sumar forzas entre todos para impulsar a reactivación do pequeno comercio e os negocios galegos”. Indicou que desde o inicio da pandemia, ABANCA ten en marcha distintas medidas de apoio para o sector, encadradas no Plan Anticipar. “Son opcións financeiras coas que queremos anticiparnos ás necesidades que poidan ter os nosos comercios, pensando tamén na protección da saúde e fomentando a operativa a distancia e a dixitalización”, apuntou. Entre outras solucións, citou as liñas especiais de financiamento para achegarlles liquidez, moratorias, seguros adaptados e servizos exclusivos como a Firma ABANCA, que permite aos clientes firmar produtos e operacións sen necesidade de acudir á oficina; APLAZOS, que axuda a financiar as compras dos clientes en condicións moi vantaxosas, ou ‘Alavuelta’, un servizo dixital a disposición dos comercios pensado para atraer e fidelizar clientes e aumentar a súa rendibilidade.