ABANCA celebra o Día da Música cun concerto das orquestras ABANCA ReSuena
Descarga los contenidos anexos
ABANCA celebra este mércores 21 de xuño o Día da Música cun concerto no Palacio da Ópera a cargo das orquestras que forman parte do proxecto ABANCA ReSuena, posto en marcha polo banco en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia co fin de promover a educación en valores a través da música.
Os 186 nenos e nenas que participan na actualidade na iniciativa terán a oportunidade de demostrar ante o público os coñecementos adquiridos ao longo do último ano, tras o éxito do primeiro concerto ofrecido en Nadal ante máis de 1.000 persoas.
Baixo a dirección de Diego Zecharies, director artístico e musical de ABANCA ReSuena, os alumnos interpretarán unha selección das obras que aprenderon nos últimos meses de estudo e ensaios. O programa inclúe un arranxo da banda sonora de Xogo de Tronos; a sonoridade sinfónica de ‘A Gran Porta de Kiev’, o último movemento de ‘Cadros para unha exposición’ de Mussorsky; o toque latino de ‘Chamambo’; a frescura e esixencia técnica de ‘Can Can’; o Himno da Alegría e o propio himno de ABANCA ReSuena.
A música comezará a soar no Palacio da Ópera ás 19.30 horas e a entrada será libre e gratuíta ata completar o aforamento.
Compromiso coa educación
A aposta de ABANCA por este proxecto ideado pola Orquestra Sinfónica de Galicia responde a unha visión da música como unha ferramenta única para o estímulo da aprendizaxe dunha maneira lúdica e diferente, que ademais axuda a transmitir valores fundamentais entre os máis pequenos, como a dedicación, o esforzo, a procura da excelencia e a superación artística.
O programa conta co apoio do banco desde os seus inicios en 2014 no Centro Cívico de Monte Alto. En decembro de 2015 a iniciativa ampliouse ao CEIP Alborada en Elviña grazas á doazón dun lote 150 instrumentos musicais realizada pola entidade. Nestes dous espazos case 200 nenos e nenas reciben cada semana clases de teoría e sesións individuais a cargo de 22 profesores de máximo nivel, todos eles músicos profesionais da OSG. Ademais, realizan ensaios tanto en grupo como coa Orquestra Sinfónica ABANCA ReSuena.
A orquestra ABANCA ReSuena compleméntase co Coro de Mans Brancas, formado por alumnos do Colexio de Xordos da nosa Señora do Rosario, no que se logrou integrar a nenas e nenos con diferentes problemáticas como a síndrome de Down, o autismo ou a xordeira.
O obxectivo do banco é que a iniciativa poida estenderse a outros barrios da cidade e, nunha fase posterior, a outras cidades de Galicia.
ABANCA foi recoñecida por este proxecto na II Edición dos Premios Excelentia (2016) na categoría de empresa comprometida coa cultura por facilitar que nenos e mozos de diferentes estratos sociais, e tamén con discapacidade, se integren aprendendo a tocar instrumentos de música.